Wednesday 18 de June de 2025

O BNG anuncia a proposta de Sandra Permuy como nova alcaldesa de Fene tras a renuncia de Juventino Trigo


A organización nacionalista destaca o compromiso, a honestidade e a capacidade de traballo de Trigo, e aposta cun relevo natural pola continuidade do proxecto e dunha equipa cohesionada

Sanda Permuy representa a renovación e a proximidade, con coñecemento do concello e unha ampla experiencia na xestión municipal

O BNG de Fene anunciou hoxe que proporá no pleno de elección a Sandra Permuy como nova alcaldesa, tras a renuncia de Juventino Trigo, que deixa a alcaldía e a súa acta de concelleiro por motivos persoais. Trigo estivo arroupado no anuncio por compañeiras e compañeiros do goberno municipal e da organización nacionalista comarcal.

O vicerresponsábel comarcal, Secundino García, salientou a “honestidade, a entrega e o traballo incansábel” de Trigo, e referiuse a el como “un alcalde que deixou pegada e que deu continuidade ao legado de compromiso que representa o nacionalismo galego en Fene desde tempos de Xosé María Rivera Arnoso”.

Trigo, pola súa parte, indicou que “a política é un proxecto colectivo, vivo, que necesita de renovación e novas enerxías”. Mostrou a súa confianza plena en Sandra Permuy, a quen definiu como “unha muller próxima, preparada, con capacidade de escoita e coñecemento da realidade do Concello”.

Un relevo natural e con futuro

Sandra Permuy leva anos asumindo responsabilidades no goberno local e, segundo indicaron desde o BNG, encarna á vez a continuidade dos valores e a renovación necesaria para seguir medrando. “A súa capacidade de traballo e a súa sensibilidade social son garantía de futuro para Fene”, sinalaron.
O BNG aposta así por unha nova etapa coa mesma base: servizo á veciñanza, proximidade, eficiencia nos servizos públicos e un modelo de concello sustentable e participativo.