
En resposta á nota emitida pola Asociación de Empresarios en relación á asemblea celebrada o pasado 29 de abril, o Concello de Ribeira quere trasladar á cidadanía e ao tecido empresarial local a realidade dos feitos e reiterar o seu compromiso claro e decidido co desenvolvemento do novo polígono industrial.
En primeiro lugar, lamentamos non ter podido asistir á devandita reunión, xa que, debido ao apagamento eléctrico acontecido o día anterior, vímonos na obriga de trasladar o Pleno municipal para a mesma data e hora. Esta decisión foi comunicada tan axiña como foi posible e responde a cuestións alleas á vontade deste goberno.
Cómpre lembrar que desde a toma de posesión deste novo goberno municipal en xullo de 2023, os avances foron claros, firmes e continuos: • Tramitáronse os informes sectoriais necesarios para levar a cabo as expropiacións dos terreos e realizouse o seu pagamento dos devanditos terreos.
• Inscribíronse as parcelas no Rexistro da Propiedade.
• Realizouse a aprobación definitiva do proxecto de urbanización, logo de diversas modificacións tralos requirimentos solicitados por distintas administracións.
• Aprobouse e desenvolveuse a prospección arqueolóxica, para garantir a protección do patrimonio histórico da zona.
• Adxudicouse unha obra de repotenciación da subestación eléctrica de Palmeira, cun investimento de 635.608 euros, esencial para dotar de capacidade enerxética ao futuro polígono.
• Mantivéronse reunións constantes para acadar financiamento co que facer viable unha infraestrutura que consideramos estratéxica para Ribeira e para toda a comarca. Estas reunións foron con Suelo Empresarial del Atlántico, Deputación da Coruña e varias consellarías da Xunta de Galicia.
A situación actual do polígono, e isto debe saberse con claridade, está condicionada pola pésima planificación herdada do goberno anterior, que incluíu no proxecto dúas parcelas situadas no termo municipal da Pobra do Caramiñal. Esta cuestión comprometeu os prazos, pois un concello non pode expropiar terreos que non están no seu territorio, polo que estamos a traballar para chegar a un acordo voluntario de compra con eses propietarios, xa que optar pola vía da expropiación podería demorar a construción aínda máis tempo.
O goberno municipal mantén unha postura de colaboración activa coas distintas administracións e en todo momento se busca a colaboración necesaria para que este proxecto poida ser unha realidade, xa que o custo económico que supón -máis de 13 millóns de euros- obriga a que sexa deba facer coa cooperación interinstitucional.
Por tanto, rexeitamos as acusacións de deixamento e desinterese, que non se corresponden coa realidade do traballo constante e serio que se está a realizar. O goberno municipal de Ribeira respecta o labor da Asociación de Empresarios de Ribeira, unha entidade coa que sempre estivemos abertos a colaborar e co convencemento de que a unión entre administración e tecido empresarial é clave para o progreso deste concello. Non obstante, agardamos poder seguir colaborando co representante desta entidade para chegar a bos entendementos na liña do traballo técnico e rigoroso que está a realizar o goberno local.
A posta en marcha do polígono industrial de Ribeira é unha prioridade absoluta deste goberno, porque entendemos que será un motor económico, xerador de emprego, dinamizador do tecido empresarial e tractor de futuro para todo o municipio.
Desde o Concello de Ribeira seguiremos traballando con responsabilidade e rigor, como ata agora, co obxectivo de dotar ao municipio da infraestrutura industrial que tanto tempo se lle negou. Agradecemos o interese da Asociación de Empresarios e convidámolos a abandonar o ruído e o ataque gratuíto para poder seguir colaborando nun clima de lealdade e construtividade, que é o que require un proxecto desta importancia.