Saturday 03 de May de 2025

O Concello de Cariño responde as demandas veciñais realizando obras de mantemento e estreando nova infraestrutura portuaria


• Nas últimas semanas realizáronse varias actuacións no municipio.

O Concello de Cariño continúa avanzando na mellora de infraestruturas municipais. Durante os últimos días executáronse diversas actuacións orientadas a reforzar a seguridade viaria, así como a instalación de nova infraestrutura no porto do municipio.

En canto ás obras de mantemento, o Concello levou a cabo traballos de limpeza intensiva e desinfección en varias vías do municipio. En concreto, interveuse no tramo que enlaza a Travesía Crecente Veiga coa Travesía Centeás, así como noutros dous tramos que comunican a Rúa dos Santos con Santa Polonia e coa Rúa Pilar. Estas zonas, moi transitadas por persoas maiores, presentaban unha elevada acumulación de verdín, o que supoñía un risco de caídas. Por iso, procedeuse á súa limpeza en profundidade cunha hidrolimpadora e utilizando diversos produtos desinfectantes.

Doutra banda, o Concello celebra a recente instalación dunha nova rampla con pantalán no porto de Cariño, executada pola Consellería do Mar a través de Portos de Galicia. Esta infraestrutura, deseñada para un uso mixto por parte do sector pesqueiro e do transporte de pasaxeiros, dá resposta a unha demanda trasladada polo goberno municipal ao Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, durante unha das súas visitas institucionais. O novo pantalán, xa en funcionamento, está composto por un módulo flotante e unha pasarela de acceso ancorada ao peirao, o que supón unha mellora substancial nas condicións operativas das embarcacións e un impulso á actividade económica do porto.

Ademais, o Concello de Cariño tamén recibiu unha subvención de 160.000 euros por parte da Consellería de Medio Ambiente que será destinada á adquisición dun novo camión para a recollida de residuos. Este vehículo permitirá implantar un sistema de recollida separada e ampliar os recursos destinados á xestión de residuos urbanos.

A alcaldesa de Cariño, Ana María López, destacou que “todas estas intervencións teñen como obxectivo mellorar a vida dos veciños e veciñas, un obxectivo polo que seguiremos traballando no futuro realizando máis actuacións nos próximos meses”. Do mesmo xeito, a rexedora tamén quixo agradecer “a rapidez e a disposición de Portos de Galicia para atender as nosas demandas, xa que esta infraestrutura é unha mellora moi esperada que reforza o papel estratéxico do noso porto”.

Deja un comentario