
Santiago Freire salienta a distribución do novo catálogo presentado en Venecia entre axencias do norte de Italia, brokers náuticos e portos deportivos do Adriático, incluso de Eslovenia e Croacia, e confirma novas accións promocionais en Irlanda e Francia
O presidente do Consiglio Regionale del Veneto destaca o traballo realizado pola Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia como “un novo paso no recoñecemento da Via Querinisima como itinerario cultural europeo”
Gran acollida do novo catálogo de peregrinacións marítimas do Camiño Marítimo a Santiago pola Ría de Muros Noia entre representantes de axencias de viaxes e operadores turísticos do norte de Italia, brokers náuticos e de portos deportivos do Adriático, incluso de países como Eslovenia ou Croacia. O Palazzo Ferro Fini (Venecia), sede da Presidencia do Consiglio Regionale del Veneto, acolleu a primeira presentación internacional deste novo e interesante produto turístico, que espertou un gran interese non só entre as autoridades presentes senón tamén entre os representantes do mercado turístico veneciano, un sector moi interesante para a Ría da Estrela pola súa ligazón á navegación, en xeral, e á viaxe dun dos seus ilustres navegantes, Pietro Querini, en particular.
“Viñemos presentar dúas primicias a nivel europeo: o resultado da investigación para determinar o percorrido preciso de Pietro Querini desde o porto de Muros ata a catedral de Santiago de Compostela no ano 1431 e, en segundo lugar, un proxecto turístico desenvolto a partir deste estudio, a peregrinación marítima a Santiago seguindo os pasos de Pietro Querini”, anunciou Santiago Freire, presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e da Ría da Estrela, despois de reunirse co presidente do Consiglio Regionale del Veneto, Roberto Ciambetti, e participar nunha mesa de traballo con distintas autoridades da rexión.
Freire Abeijón fixo fincapé en que este “é o noso primeiro acto de presentación a nivel internacional. Agardo que o vento nos sexa favorable porque este ano agardamos facer dous máis en portos do Atlántico: un en Irlanda e outro na costa francesa. Pero quixemos presentar esta primicia en Venecia porque estamos convencidos de que Italia é un mercado moi interesante para as nosas peregrinacións marítimas”. Unhas presentacións enmarcadas dentro do proxecto “Rutas Xacobeas na Costa Sostible”, financiado polo GALP Costa Sostible a través dos fondos europeos FEMPA.
Produto turístico baseado na peregrinación de Querini
Un interese que confirmou Sebastián Valverde, técnico da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e da Ría da Estrela, quen explicou que “a historia moderna das peregrinacións a Santiago comeza en 1990, pero ata 2025 non se planteara en Galicia como desenvolver e xestionar as peregrinacións marítimas como produto turístico. É, polo tanto, unha primicia dentro do noso país e nela xoga un papel esencial a peregrinación de Pietro Querini”. Así, explicou que “en xaneiro lanzamos a nosa idea de rutas de peregrinación marítima e, dende entón, pasamos de 1 a 4 operadores que queren traballar, promocionar e vender as rutas de peregrinación a Santiago tras o pasos de Querini”.
O primeiro operador é Sailway (www.sailway.es), unha navieira de chárter náutico que ofrece unha experiencia de catro días a bordo dun veleiro, 94 millas náuticas con saída do Monte Real Club de Yates de Baiona e chegada ao Real Club Náutico de Portosín. Ademais, ofrécelle ao peregrino diferentes opcións: dende alugar un veleiro (con ou sen patrón) ata facerse cun camarote, cunha ampla variedade de prezos. Outra naviera Julio Verne Náutica (www.juliovernenautica.com) é a última incorporación do catálogo ata o momento. Oferta embarcacións de luxo e un percorrido de cinco días, catro delas polas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, unidas a un último día de camiño a pe ata chegar a Compostela.
O Monte Real Club de Yates de Baiona (https://www.mrcyb.es/eventos/evento/v-ruta-rias-baixas-camino-de-santiago-ria-muros-noia-2025/) promove a V Ruta Rías Baixas-Camiño de Santiago Ría Muros Noia, unha peregrinación en grupo de ata 35 embarcacións que terá lugar do 30 de xuño ao 5 de xullo de 2025 nun ambiente de compañeirismo e camaradería. Trátase do produto que tivo a mellor acollida por parte do mercado turístico, como proba o feito de que os 35 postos dispoñibles xa están vendidos dende hai máis dun mes, se ben aínda é posible facerse con prazas nos camarotes de Sailway e de Julio Verne Náutica, xa que os dous operadores tamén están inscritos nesta ruta. Finalmente, a Travesía Náutica Xacobea de ASNAUGA (https://asnauga.com/travesia-nautica/) ofrece un bono descontos en amarres nos portos deportivos galegos, percorrendo os clubs náuticos de Galicia distinguidos coa Q de calidade turística e que apostan pola atención ao navegante, para así peregrinar a Santiago ben desde Ribadeo (Ruta Norte) ben desde Vigo (Ruta Sur).
Unhas rutas amparadas pola Oficina do Peregrino, polo que permiten a obtención da Compostela. Toda a información está moito máis detallada no catálogo Descobre o Camiño Marítimo de Santiago: seguindo os pasos de Pietro Querini, editado en italiano e presentado esta semana, ademais de nas páxinas web www.caminomaritimo.gal (galego), www.caminomaritimo.es (castelán) e www.caminomaritimo.com (inglés).
Novo paso cara o recoñecemento da Vía Querinissima
O presidente do Consiglio Regionale del Veneto, Roberto Ciambetti, puxo en valor o traballo realizado pola Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e cualificou a documentación entregada por Santiago Freire como “un novo paso no recoñecemento da Via Querinisima como itinerario cultural europeo”. “Hoxe presentamos unha parte do itinerario da Via Querinisima en Galicia: o que conta como Querini e a súa tripulación chegaron a Muros, onde se detivo no seu camiño para peregrinar a Santiago de Compostela”, expuxo Ciambetti diante de autoridades, representantes do mercado turístico, institucións culturais e medios de comunicación de Venecia, “un proxecto realizado pola Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e que vincula a Vía Querinisima cun Camiño Xacobeo, un encontro entre dous camiños culturais que demostra como a colaboración entre entidades e institucións de distintos países poden forxar acordos culturais sólidos. Sobre estas bases debemos construír a Europa á que aspiramos”.
Neste sentido, Roberto Ciambetti destacou a historia de Pietro Querini “como precursora da Europa de hoxe e unha valiosa lección sobre o que durante moito tempo agardamos que se puidera lograr: unha unión que non sexa so económica, senón tamén cultural, sendo conscientes do noso patrimonio cultural compartido que vai máis aló das fronteiras nacionais e revele as nosas raíces comúns”.
Unha afirmación que compartiu Santiago Freire, para quen “se hai un lugar no mundo para falar de historia, navegación, comercio e turismo, ese é Venecia. Hoxe, desde un extremo de Europa, desde a Ría de Muros Noia, vimos falarvos dunha parte da nosa historia, que compartimos e estamos poñendo en valor desde a Asociación Via Querinisima: a presencia do navegante veneciano Pietro Querini no noso territorio”.
Así, Sebastián Valverde confirmou que “o Camiño da Ría de Muros Noia está sinalizado e identificado cun elemento extraído do mapamundi de Fra Mauro para representar a convivencia desta ruta xacobea e da Via Querinissima. É dicir, neste momento a Via Querinisima ten un itinerario terrestre de 73 quilómetros”. Unha afirmación que foi moi ben acollida pola directora da Asociación Via Querinisima, Nicoletta Martorana.
Intercambio turístico
Durante a súa viaxe a Venecia, Santiago Freire e Sebastián Valverde tamén participaron nunha mesa de traballo sobre os distintos estudos que se están a levar a cabo sobre diversos aspectos do legado cultural da expedición de Pietro Querini. Entre as asistentes figuraban Nicoletta Martorana, directora da Asociación Via Querinissima; Mara Tognom, responsable de proxectos europeos e industrias culturais e creativas da Rexión do Veneto; Roberto Grande, xefe de gabinete do Consiglio Regionale do Veneto; Fausta Bressani, directora rexional de Culturale; Stefano Sisto, director regional de Turismo e Marketing territorial; Stefano Trovato, director da Biblioteca Nazionale Marciana; Mario Schwetz, responsable da oficina do Consello de Europa en Venecia; Consolo Rugiero, cónsul honorario de España en Venecia; e Maria Sol Scanferla, project manager da Autoridade Portuaria de Venecia.
A Asociación Internacional Vía Querinissima é unha entidade cultural sen fins de lucro xurdida hai máis dunha década a raíz dun primeiro acordo de amizade entre os municipios de Rost (Noruega) e Sandrigo (Italia) e despois dun convenio de cooperación cultural e económica entre as rexións de Nordland e Véneto. O seu itinerario, denominado Vía Querinissima, inclúe dúas rutas: por mar (a primeira parte da viaxe de Pietro Querini que acabou en naufraxio e que pasou por Muros) e por terra (cando retornou a Venecia co seu cargamento de bacallau). En ambos os dous casos, a asociación promove un turismo cultural e enogastronómico pausado e sostible, que une cidades e rexións de trece países distintos.
Pietro Querini partiu de Creta no 1431 con destino Bruxas, nunha viaxe moi accidentada, pois non chegaría á cidade belga. O 26 de outubro dese ano arribou a Muros, onde aproveitou a parada obrigada para reparacións para peregrinar ao sepulcro do Apóstolo, sendo unha das primeiras peregrinacións documentadas polo Camiño da Ría de Muros Noia. Despois seguiron rumbo norte, naufragando nunha tormenta e sendo rescatado polos pescadores da illa de Rost (Noruega). Aló Querini quedou fascinado pola maneira na que se conservaba o bacallau, o que estableceu o xerme da comercialización e consumo deste peixe en Italia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.