
A previsión do Concello é que o servizo de transporte urbano volva á Mariña o sábado 10. Ata entón, manterase a circulación das liñas pola avenida do Porto
O Concello avanza estes días coa folla de ruta prevista para a remodelación dos Cantóns, que encara xa unha nova fase de obras a medida que se ultiman os traballos de pavimentación na avenida da Mariña.
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que a Mariña reabrirá ao paso de vehículos autorizados e o servizo de taxis o vindeiro venres 9 de maio, co que a circulación pola avenida volverá á súa situación previa mais co firme xa renovado e mellorado.
Neste sentido, a previsión do Concello é que o servizo de transporte urbano regrese á Mariña un día despois, o sábado 10 de maio, cando as liñas que xa transitaban habitualmente pola avenida —1, 1-A, 2, 2-A, 3, 5, 7, 17, 23 e 23-A— volverán ao seu percorrido orixinal. Isto suporá que, a partir dese sábado, os autobuses deixarán de facer o tránsito pola avenida do Porto, que tal e como se informou ao inicio desta quenda de traballos, era de carácter provisional.
A este respecto, Inés Rey apuntou que, coa próxima volta dos autobuses á avenida da Mariña, as persoas usuarias do servizo de transporte urbano contarán con paradas en Porta Real e Obelisco —en sentido de ida cara á praza de Mina— e a carón do Copacabana e tamén en Porta Real —en dirección ao Parrote e o hospital Abente y Lago—.
“Seguimos traballando para remodelar e modernizar as paradas que hai a carón do canellón da Estacada e diante da Autoridade Portuaria. Cando rematemos coas adaptacións programadas, estarán novamente operativas para o seu uso”, explicou a rexedora, que incidiu en que, tal e como se formulou desde antes do inicio das obras nos Cantóns, cada paso deste tipo será notificado e detallado polo miúdo á cidadanía, coa antelación necesaria.
Unha nova fase de traballos entre o Teatro Colón e Entrexardíns
Rey apuntou hoxe que os traballos nos Cantóns xa están a avanzar estes días cara á beirarrúa que conecta Entrexardíns e o Teatro Colón, onde os operarios están a construír a nova rede separativa de augas pluviais, e, a posteriori, renovarán a rede de iluminación para, finalmente, habilitar os novos pavimentos da superficie peonil. O groso desta intervención será visible ao longo do mes de maio.
Mentres, en paralelo, continúan as melloras na rúa Ambrosio Feijóo, que seguirá pechada mentres se concretan as melloras de saneamento e pavimento que alí están previstas.
Un mapa dixital para consultar as incidencias de mobilidade
Co obxectivo de solucionar as dúbidas da cidadanía no contexto das obras dos Cantóns, o Concello habilitou un mapa dixital, adaptado a dispositivos móbiles, no que todas as persoas interesadas poderán consultar as incidencias de mobilidade segundo avance o plan de traballos nas súas diversas fases.
O mapa, xa aberto e visible na páxina web do Concello, indica, por exemplo, os espazos afectados polas obras e as afectacións ao servizo de transporte urbano.
Toda a información sobre as obras nos Cantóns pode consultarse en coruna.gal/cantons.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.