
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, animou a cidadanía a participar na terceira data do calendario de Coruña Corre, que volve impulsar a programación deportiva nos barrios o día 11 de maio
Quedan poucos días para a celebración da XVI Baixada Popular de San Pedro de Visma, a terceira data dun circuíto Coruña Corre que volverá o 11 de maio ás rúas da cidade nunha nova xornada de programación deportiva para todos os públicos.
A inscrición na carreira estará aberta ata as 23.59 horas deste domingo 4 de maio. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, convidou a cidadanía a participar na proba, “unha das máis atractivas do calendario pola configuración do trazado, con subida e percorrido polo parque de Bens, combinando asfalto e sendas de terra”.
Serán case 6,5 quilómetros cun punto de control a medio camiño, no quilómetro 3,6. A partir do quinto, as e os participantes enfilarán o descenso pola estrada de Mazaído a Visma, e chegarán á meta na recta principal de San Pedro de Visma.
Como xa é habitual, a carreira do domingo 11 de maio sairá desde o cruzamento entre as rúas San Pedro de Visma e Aguillón, na contorna do centro cívico municipal. As e os participantes en categoría absoluta arrincarán motores ás 10.00 horas, e xa a partir das 11.15 comezarán as saídas progresivas das categorías inferiores, desde a sub-18 ata os peques.
As persoas interesadas en tomar parte na carreira, sexa nas categorías absolutas ou inferiores, pódense inscribir a través da páxina web de Coruña Corre, premendo nesta ligazón.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.