
O Goberno de Inés Rey reafirma o seu compromiso co deporte coruñés, ao que aporta máis de 2 millóns de euros anuais
O Concello da Coruña convoca, un ano máis, as subvencións dirixidas a entidades deportivas sen ánimo de lucro para o fomento e apoio á realización de actividades físicas e deportivas durante este ano. O Goberno de Inés Rey destinará 400.000 euros a estas axudas, reafirmando o seu compromiso co deporte coruñés. A contía destinada triplica os 120.000 euros da convocatoria do 2019. Ao ano, o Goberno municipal destina máis de 2 millóns de euros de maneira directa a través de diferentes partidas para o deporte coruñés.
“O Goberno municipal, a través do diálogo coas diferentes entidades, adaptou nesta edición a clasificación das actividades que optan ás axudas, apoiando ás agrupacións deportivas a través de catro partidas diferentes en función das súas necesidades”, sinalou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes. A primeira delas será a actividade deportiva federada, á que se destinará un 37,5% do orzamento (ata 150.000 euros). A segunda sería a actividade física ou deporte non federado, que contará cun 10% da contía total (ata 40.000 euros). A terceira opción será a de actividades deportivas de carácter extraordinario, cun 15% e ata 60.000 euros asignados. Esta categoría inclúe a organización de eventos deportivos e competicións na cidade e, en caso de estar xustificado, fóra do termo municipal. Por último, tamén se terán en conta asistencia a competicións, como fases de ascenso ou campionatos estatais, cun orzamento asignado do 37,5% do total e ata 150.000 euros.
O prazo de presentación da documentación será de 20 días naturais a contar desde a publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, que se produciu este luns. Toda a documentación requirida pode atoparse na sede electrónica do Concello, onde tamén deberán dirixirse as entidades interesadas para presentar a solicitude.
O Concello atende, ano tras ano grazas a estas axudas, a diversidade e riqueza de disciplinas deportivas que se desenvolven na cidade, apoiando actividades como baloncesto, fútbol sala, balonmán, atletismo, hóckey sobre patíns e sobre herba, xadrez, pesca submarina, patinaxe artística e en liña, natación, waterpolo, tenis de mesa, ximnasia rítmica, halterofilia, vela, judo, automobilismo, piragüismo ou tiro con arco, entre outros. Coa convocatoria destas axudas, o Concello reforza o seu compromiso co tecido deportivo da cidade, dando continuidade á rede de axudas a entidades deportivas con sede no municipio e cumprindo co obxectivo do Goberno de Inés Rey de acadar un modelo de cidade máis activo, saudable e referente en actividades deportivas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.