Friday 02 de May de 2025

As Letras Galegas de Carballo arrincan cun documental, unha presentación literaria, música nos centros de maiores ou unha xornada para poñer en valor a tradición oral


A primeira cita foi este xoves 30 de abril coa presentación do libro de Xabier Díaz “Cancioneiro Galego Serodio (1989-2012)”

O Programa das Letras Galegas arrincou esta semana con actividades moi variadas, aínda que todas están centradas na poesía popular oral e na música tradicional: unha presentación literaria, unha foliada nos centros de maiores, a proxección dun documental sobre as creadoras e divulgadoras do noso patrimonio inmaterial oral ou unhas xornadas temáticas para poñer en valor o papel das asociacións e agrupacións de música tradicional de Carballo e de Bergantiños son as citas que nos agardan entre o 30 de abril e o 3 de maio.

A primeira cita foi o mércores 30 de abril coa presentación do libro Cancioneiro Serodio(1989-2012) de Xabier Díaz, que encheu o salón de actos do Pazo da Cultura. Un dos nomes propios da música de raíz galega recolle a transcrición dos textos líricos das case cincocentas entrevistas que foi realizando ao longo de trinta anos de camiño, adornándoos de anécdotas, sorpresas e fantásticas historias das propias informantes, protagonistas tamén das fotos, e dunha morea de audios orixinais das compilacións, que redimensionan o concepto de cancioneiro. Este é un traballo que abrangue o total do territorio galego -as catro provincias, e mesmo os territorios arraianos- e que xorde da viaxe dun mozo de vinte anos que comenza a facer traballos de campo como ese amador, curioso e afeccionado polo noso folclore que aínda segue a ser.

Este ano o Programa das Letras tamén conta cunha especial vontade didáctica coa arela de difundir o máximo posible a nosa tradición oral en todos os recunchos do municipio. Por ese motivo, os centros de maiores tamén poderán desfrutar da súa cita, neste caso o venres 2 de maiocunha foliada a cargo do Coro Aires de Bergantiños. Visitarán a Residencia Domus VI (Pedra Furada) e a Residencia de Maiores de Carballo (Praza de Vigo). Será ás 17.00 e 18.00 horas, respectivamente. A entrada é libre ata completar o aforo.

A música chega este ano ao Programa das Letras en todas as súas formas, por ese motivo tamén inclúe unha cita audiovisual coa proxección do documental Lévame a idea, tamén o venres 2 de maio. Esta obra é un recoñecemento ás creadoras e divulgadoras da música de tradición oral galega, auténticas protagonistas na súa creación, recuperación e difusión. A cita, ás 20.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo, contará coa presenza das directoras Vanesa Siso, Laura Varela e Iria Villares, coas que haberá un coloquio ao rematar. A entrada é libre ata completar o aforo.
O Concello, co afán de darlle o seu espazo ás asociacións municipais, estivo mantendo desde principios de ano xuntanzas con elas para que participasen tamén na organización do programa, o que dou froito coa organización de distintas actividades. Así, o sábado 3 de maio terán lugar as xornadas Vivan as do meu lugar (de 11.00 a 19.30 horas), un encontro para poñer en valor o papel das asociacións e agrupacións de música tradicional de Carballo e de Bergantiños no seu papel como conservadoras do patrimonio tradicional musical e oral. A cita contará con encontros con artistas como Mercedes Peón, Alana, Su Garrido Pombo ou De Ninghures, coa presentación dos libros Somos pandeireteiras e a colección Chave Mestra de aCentral Folque, cun faladoiro sobre a importancia das asociacións locais na preservación do repertorio tradicional de Carballo e a comarca ou con outro sobre novos xeitos de compilar e difundir a música de tradición oral. Para asistir ás xornadas é necesario anotarse previamente no enderezo electrónico: <vivanasdomeulugar@gmail.com>

Así mesmo, ese mesmo día terá lugar o concerto Canta, miña compañeira, titulado coma o verso que lle da nome a todo o programa. Nel poderemos desfrutar do bo facer das Cantareiras de Arume de Verdillo, das Cantareiras de Nemeth, das Cantareiras de San Campio de Cances, das Cantareiras do Candil e de As Tocadoras do Alprende. A cita é ás 20.00 horas no Pazo da Cultura.

Deja un comentario