Friday 02 de May de 2025

David de la Fuente e Uxía Pérez Bugarín gañan a X Carreira Pedestre Popular Concello de Frades, que rexistra o seu récord de participación: 590 atletas


Podio de luxo con Workneh Fikire Serbessa, Pablo Otero Fariña, Hugo García Souto e Jorge Puig Malvar, na categoría masculina, e Lamyae Himi, Nia Franco, Mullunesh Marina Porteiro, Elena Veres Ojea e olímpica Julia Vaquero Sousa, na feminina

 

O Club Atletismo Sar gañou a competición por equipos masculina e a SD Compostela Atletismo repetiu vitoria na feminina

 

Os atletas David de la Fuente Gómez (Club Deportivo Pinarium) e Uxía Pérez Bugarín (Atletismo Feminino Celta) foron os gañadores da décima edición da Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades, celebrada esta mañá na contorna de Ponte Carreira e que rexistrou a maior participación da súa historia: 590 atletas dos 718 inscritos inicialmente. Unha cifra que supón superar en 122 corredores a anterior marca, establecida o ano pasado con 660 inscritos e 468 cruzando a liña de meta. Así, esta mañá tomaron a saída un total de 590 atletas, 232 da categoría absoluta (61 máis) e 358 escolares (61 máis).

 

Un ano máis, cumpriuse a “maldición” desta proba que ningún atleta masculino foi quen de gañar dous anos seguidos. E iso que desta vez Jorge Puig Malvar, gañador en 2024, se mantivo no grupo de cabeza ata os últimos quilómetros, pero rematou nun meritorio quinto lugar. Quen si foi quen de reeditar o seu triunfo foi Uxía Pérez Bugarín, que debutara o ano pasado e que desta vez mesmo mellorou o seu tempo, coñecedora xa do circuíto. A atleta tudense toma así o relevo da “raiña” desta proba, a xa retirada Paula Mayobre, quen gañou en cinco das seis primeiras carreiras en Frades ata a súa retirada en 2020 (só quedou segunda en 2016, por detrás dunha atleta olímpica como Ester Navarrete).

 

Un ano máis, e pese ás fortes choivas rexistradas o mércores, o tempo acompañou durante toda a mañá, como ben confirmou Loly Gómez Oviedo, presentadora de “O Tempo” da TVG, cando cruzou a liña de meta. Isto permitiu que todas as probas se desenvolveran con normalidade e que os tempos dos gañadores e gañadoras foran moi semellantes aos da edición anterior. Ademais dos habituais servizos de duchas, vestiarios e reparto de froita e bebidas enerxéticas típicos deste tipo de probas, as crianzas puideron desfrutar tamén dos xogos do parque infantil (especialmente demandada estivo a tirolina) e dun inchable cortesía de Garabato de Xogos. Pola súa banda, tanto maiores como pequenos desfrutaron dos petiscos ofrecidos polo food-truck da campaña “Galicia sabe amar”, que estivo catro horas servindo sen parar tres petiscos moi saborosos e prezados polos presentes.

 

Gañadores absolutos

 

Así, David de la Fuente Gómez atravesaba a liña de meta de Ponte Carreira cun tempo de 25 minutos e 44 segundos, rebaixando en so 3 segundos a marca do gañador da edición anterior. O campión sacoulle dez segundos ao eritreo Serbessa Workneh Fikire, do Atletismo Narón, quen estivo encabezando a proba ata os últimos quilómetros. Completou o podio Pablo Otero Fariña, tamén do Atletismo Narón, cun tempo de 26 minutos e 15 segundos (marca que o ano pasado lle servira para ser segundo). Outro que tamén baixou un chanzo no podio foi o cuarto clasificado: Hugo García Souto (Club Atletismo Portugalete), cun tempo de 27 minutos e 4 segundos. E o gañador da edición 2024, Jorge Puig Malvar, chegou en quinta posición cun tempo de 27 minutos e 51 segundos, perdendo máis de 2 minutos con respecto á súa marca en Frades o ano pasado.

 

Na proba feminina, Uxía Pérez Bugarín, do Atletismo Feminino Celta, repetiu vitoria cun tempo de 30 minutos e 57 segundos, rebaixando en seis segundos a súa marca do ano pasado. A atleta tudense volveu impoñerse con autoridade en Frades, entrando no posto 17 da clasificación xeral. O segundo chanzo do podio ocupouno unha debutante: Lamyae Himi, do Atletismo Narón, cun tempo de 32 minutos e 37 segundos. Mullunesh Marina Porteiro de Loño, da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, foi terceira, cun tempo de 33 minutos e 10 segundos. Completaron a premiación dúas atletas da SD Compostela Atletismo: Elena Veres Ojea (que repetiu posto con respecto ao ano pasado) e Julia Vaquero Sousa. A famosa atleta nada en Francia pero residente na Guarda causou sensación ao correr por primeira vez a proba de Frades e foron moitos e moitas as persoas, tanto crianzas como adultas, que non deixaron pasar a ocasión de tirar fotos con ela e xunto ao ex-xogador de fútbol Juanito.

 

Outros premios

 

Ademais dos correspondentes trofeos, estes dez primeiros clasificados de ambas categorías levaron uns premios en metálico de 300, 200, 100, 75 e 50 euros, respectivamente. O Club Atletismo Sar gañou a categoría por equipos, despois de ser segundo en 2024. A SD Compostela Atletismo foi segunda, mentres que os veciños do Club Atletismo Tambre (Oroso) repetiron terceira praza. Na categoría feminina, repetiron triunfo por terceiro ano consecutivo as atletas da SD Compostela Atletismo.

 

O mellor atleta local foi Daniel García Sanjurjo, do Traileros Toxos & Birras, posto 47 da xeral cun tempo de 34 minutos e 15 segundos. Completaron o podio masculino Moncho Rodríguez Lagares, do CD Mesoiro, e David Cepeda. Na categoría feminina, a vitoria foi para Alba García Maroa, cun tempo de 48 minutos e 12 segundos. O segundo posto foi para Pilar Carreira Otero e o terceiro para Gemma Meijide Vilariño.

 

Os premios foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen estivo acompañado polos concelleiros de Deportes, Juan Carlos Portos Bra; Xuventude, Jesús Miguel Prado; Maiores, Jesús Francos; e Ensino, Manuel Ferreiro. Todos os participantes nas probas escolares recibiron cadansúa medalla e unhas lambonadas, mentres que todos os atletas levaron unha camiseta de agasallo e desfrutaron dun avituallamento en meta a base de auga, bebidas enerxéticas, leite e froita, cortesía dos patrocinadores da proba. Ademais dos tradicionais servizos de ducha e roupeiro, os participantes que o precisaron tamén puideron gozar tamén dun servizo de fisioterapia totalmente de balde.

 

Roberto Rey agradeceu o bo traballo desempeñado pola Federación Galega de Atletismo e Emesports, así como a colaboración dos membros de Protección Civil de Ordes, Ambulancias Nordés e voluntarios de Frades, que permitiron que a proba se desenvolvese sen incidencias.

 

A X Carreira Pedestre Popular Concello de Frades foi organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Central de Frades SCG, Gofer Frutas Ordes, Froitería A Nova, Finca Restaurante O Cadaval, Amósfera Sport Sportec Ordes, Nutri Sport, Erimsa, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Pepsico, Camba Distribuciones SL, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Supermercado Tandy, Bar Vilariño, Toribio Viqueira, Imprenta Alpi, Garabato de Xogos, Artio, As Puntadas, Feiraco, Todo Saúde Clínica Integral e Carreiras Galegas.

 

Paula Mayobre é a dominadora absoluta desta proba, pois gañou en cinco das súas seis participacións antes da súa retirada. Completan o palmarés corredoras de renome como Ester Navarrete, Edymar Daniely Brea, Sandra Mosquera e Uxía Pérez Bugarín. Na proba masculina só Lolo Penas e Nuno Costa foron quen de inscribir o seu nome dúas veces entre os gañadores e ninguén foi quen de gañar dúas probas seguidas. O resto de triunfos foron para Víctor Rioboo, Hassan Lekhili, David Santos, Pablo Bocelo, Jorge Puig e o actual campión David de la Fuente Gómez.

Deja un comentario