Friday 02 de May de 2025

A asemblea do BNG Ribeira revalida a Rafael Pazos e Xana Ledo como responsables da organización


O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira celebrou recentemente a súa asemblea local, na cal a militancia decidiu reelixir a Rafael Pazos Rodríguez como responsable local da organización. Xunto a él, tamén foi reelixida Xana Matilde Ledo Díaz como vicerresponsable local.

Rafael Pazos xa fora escollido pola militancia en agosto de 2023 para liderar a fronte nacionalista en Ribeira, tras o histórico cambio de goberno municipal que levou o BNG á alcaldía da cidade. A súa continuidade no cargo responde ao recoñecemento do traballo realizado e á vontade da militancia de afondar na consolidación do proxecto político do BNG no municipio.

Durante a mesma asemblea constituíuse o novo Consello Local, órgano de dirección política do BNG de Ribeira, que estará conformado por: Antía Alberte Maneiro, Genoveva Betanzos Fernández, Óscar Casais Montemuíño, Xosé Manuel Grueiro Sixto, María del Carmen Lampón Agrelo, Xana Matilde Ledo Díaz, Vicente Paz Carou, Rafael Pazos Rodríguez, Luís Pérez Barral, Jorge Ramallo Paz, María Cruz Rivadulla Márquez, Mónica Rodríguez Fernández, Silvia Varela Rodríguez e Xabier Vidal Peón.

Ao remate da asemblea, Rafael Pazos manifestou que “o obxectivo do BNG en Ribeira é seguir na senda do cumprimento dos compromisos adquiridos nas pasadas eleccións municipais coa veciñanza, continuar ao seu carón na defensa e mellora dos servizos públicos e transformar Ribeira cun novo modelo de cidade para ser un referente de vila sostible, accesible e verde”.

Así mesmo, engadiu que “traballaremos arreo para construír un BNG local máis forte, sumando militantes e apoios, mellorando os resultados acadados nas últimas municipais. “Sabemos que imos polo bo camiño porque moita xente está contenta e temos moi claro o proxecto de vila que queremos e, na seguinte cita electoral, imos a por todas para seguir sumando en positivo”.

Deja un comentario