Wednesday 18 de June de 2025

O Concello iniciará a vindeira semana os traballos para renovar o firme en Agrela, con actuacións en máis de 20.000 metros cadrados dos viais do polígono


En paralelo, avanzan as obras de construción da nova rotonda entre a avenida de Fisterra e a rúa Gutenberg, concibida para mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade viaria

O Concello acometerá traballos para a renovación do firme en máis de 20.000 metros cadrados de superficie nos viais municipais de Agrela, unha medida que forma parte dos compromisos adquiridos polo Goberno de Inés Rey coa Asociación de Empresarios do polígono coruñés.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, precisou que “as actuacións previstas arrincarán, previsiblemente, a vindeira semana”, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para o desenvolvemento as tarefas, que se levarán a cabo ao longo das rúas Severo Ochoa, Galileo Galilei e José María Rivera Corral.

Díaz subliñou a importancia desta intervención, xa que Severo Ochoa é unha das principais arterias de circulación do polígono e, xunto a Galileo Galilei e José María Rivera Corral, “soporta boa parte dos fluxos de mobilidade do transporte pesado que pasa por Agrela”. En total, o Concello renovará 14.500 metros cadrados de firme en Severo Ochoa e outros 7.500 entre Galileo Galilei e José María Rivera Corral.

Ademais, o Concello complementará a renovación do firme coa elevación dun paso peonil existente no treito central de Galileo Galilei, “unha medida, que polos fluxos de mobilidade peonil habituais neste sector da rúa, é necesaria para facilitar o tránsito das persoas viandantes e, de paso, contribuír á pacificación do tráfico rodado que sube e baixa por Galileo Galilei”.

O investimento previsto para acometer o conxunto destas actuacións é de 188.000 euros.

Avanzan as obras de construción das rotondas coa avenida de Fisterra

O plan de melloras previsto polo Goberno de Inés Rey no polígono de Agrela e a súa contorna inclúe, ademais, a construción dunha nova rotonda entre a avenida de Fisterra e a rúa Gutenberg, co obxectivo de mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade viaria.

Como xa informou o Concello a mediados de marzo, as obras están en marcha e, desta forma, dan continuidade ás actuacións plantexadas polo Concello entre o Ventorrillo, a Silva e Agrela, onde xa está aberta a nova glorieta coa rúa Gambrinus, xemelga da que se está a executar no cruzamento con Gutenberg.
O investimento previsto na construción de ambas as rotondas é de 785.000 euros, importe cofinanciado con fondos europeos Next Generation.