Tuesday 06 de May de 2025

Alternativa reclama novamente a obra da ampliación da ponte Pasaxe


Rande, ampliado xa no 2017, soporta 30.000 vehículos diarios menos que a Pasaxe

Alternativa dos Veciños presentou na Deputación unha moción para demandar ao Goberno central que inclúa nos próximos orzamentos do Estado os fondos necesarios para contratación das obras de ampliación da Ponte da Pasaxe ou que incremente as partidas plurianuais contempladas nos orzamentos do 2023.

 

A mobilidade é o principal problema da comarca da Coruña, a máis importante de Galicia. O deficiente servizo de transporte público existente e a incapacidade das infraestruturas viarias converten os accesos á cidade e os desprazamentos aos polígonos en ratoneiras nas que se producen continuos colapsos circulatorios, con constantes perdas de tempo e prexuízos para as economías persoais e empresariais. Coa apertura do túnel de Sol y Mar e a inminente ampliación da avenida Alfonso Molina, resulta imprescindible eliminar o tapón intermedio para o tráfico que supón a actual ponte Pasaxe, pola que circulan a diario máis de 90.000 vehículos de Oleiros, parte de Cambre, Sada, Betanzos, Bergondo e outros municipios da provincia. Coa ampliación da ponte remataríase con grande parte dos atascos que se producen na comarca e tamén permitiría a creación das conexións peonís e ciclistas entre Oleiros, A Coruña e Culleredo para fomentar unha mobilidade sostible e saudable.

 

Ademais da urxente necesidade de mellora do transporte público por parte da Xunta de Galicia, que contribuiría a unha redución do uso do vehículo privado, son varias as obras públicas pendentes por parte dos gobernos centrais e autonómicos. Levamos décadas agardando polo vial 18, a cuarta ronda, a vía Ártabra ou a ampliación da ponte Pasaxe.

 

Di moito dos deputados e deputadas coruñeses no Congreso que en Vigo finalizasen a obra de ampliación na ponte de Rande no 2017 -cun nivel de tráfico moi inferior ao da ponte da Pasaxe- e que na Coruña sigamos á espera de que se contrate esta obra, para a que o proxecto está aprobado desde o 2023 sen existencia de noticia algunha sobre a súa posible contratación.

Deja un comentario