Wednesday 18 de June de 2025

O concelleiro Xesús Domínguez reúnese coa veciñanza de Puente La Reina e anuncia o inicio das obras para o 19 de maio


O concelleiro de Vías e Obras, Xesús Domínguez, mantivo este martes unha xuntanza coa veciñanza da rúa Puente La Reina para explicar o proxecto de reurbanización deste ámbito, que está previsto que comece o próximo 19 de maio. A reunión tivo lugar no centro sociocultural da Trisca con presenza dunha trintena de persoas e está enmarcarda no compromiso do goberno local de explicar e de abrir unha canle de comunicación directa desde antes do inicio de calquera actuación deste tipo. Ao encontro tamén asistiu o concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro.

Na reunión, o concelleiro de Obras explicou os pormenores da actuación, que ten como obxectivo incrementar a calidade do espazo urbano, mellorando a accesibildiade e a funcionalidade da rúa, incluíndo novo verde urbano para mellorar a calidade ambiental, e renovando as redes de servizos urbanos.

O proxecto abrangue un ámbito de 1.415 m2, recuperando parte do espazo para a relación veciñal e protexendo o tránsito peonil, ao tempo que se reordena o aparcamento e se pacifica o tráfico. Tamén se deseñou unha faixa contínua de arboredo, na que se organizará o mobiliario urbano e os servizos públicos en superficie, como os contedores de lixo.

A proposta, detallou Domínguez, contempla un novo deseño para resolver as deficiencias detectadas, cunha renovación dos pavimentos, dous novos pasos de peóns elevados na zonas de encontro das escaleiras existentes, a ampliación do espazo das beirarrúas e unha reducción do ancho do vial para aminorar a velocidade dos vehículos.

En canto á rede de saneamento, pasará a ser separativa (pluviais e residuais), dando continuidade á xa existente en Batalla de Clavijo. Respecto das telecomunicacións e electricidade, proxectouse o soterramento e a retirada de cablaxe aérea, mentres que se desdobrará a instalación de gas para facilitar futuras acometidas.

Xesús Domínguez cualificou de moi positiva a xuntanza e comprometeu manter as canles de comunicación coa veciñanza, seguindo o modelo de execución das obras da rúa Pombal, para solventar calquera situación que aconteza durante o desenvolvemento das obras e minimizar as molestias.

Cinco meses para executar a obra

O goberno local adxudicou na reunión da xunta de goberno do 24 de marzo as obras desta rúa á empresa ALCOMTE GALICIA SL por un orzamento de 394.536,54 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de cinco meses.