Thursday 01 de May de 2025

A X Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades marca un récord de inscricións: 718 participantes tomarán a saída mañá xoves


A proba desenvolverase a partir das 10:00 horas na contorna da Praza Pública de Ponte Carreira

 

Nin o apagón nacional, que impediu a penúltima xornada de inscricións, puido impedir que a Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades celebrara o seu décimo aniversario cun récord de inscricións: 718 participantes, o que supón superar nun 8,7% os 660 corredores anotados na edición de 2024. Unha proba que terá lugar na mañá deste xoves 1 de maio, organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo.

 

Unha proba que nos seus dez anos de existencia foi quen de facerse un oco entre as máis valoradas da provincia, o que fixo que o número de participantes non deixara de medrar ata os 718 desta edición que, de confirmarse a súa participación, suporía superar os 5.000 atletas participantes ao longo desta década. A pesar de ser organizada por un municipio pequeno e eminentemente rural, figura no Top 5 de mellores carreiras do XI Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña, sendo a proba mellor valorada da comarca de ordes.

 

Horarios

 

A X Carreira Pedestre Popular Concello de Frades desenvolverase mañá xoves 1 de maio, a partir das 10:00 horas, na contorna da praza pública de Ponte Carreira. A proba principal, con saída ás 11:30 horas, percorrerá 8,6 quilómetros nunha ruta que combina asfalto e terra e que terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. Os atletas correrán cun Chip que lles será entregado no momento de recoller o dorsal e que deberán entregar unha vez crucen a meta. Os dorsais poderán recollerse na Secretaría da Competición, na praza de Ponte Carreira, ata media hora antes da proba. Haberá servizo de vestiario e de duchas a disposición de todos os atletas no polideportivo municipal.

 

As probas escolares darán comezo ás 10:00 horas coa categoría Sub 18 e Sub 16, que percorrerán 3 km. Ás 10:30 horas terá lugar a saída dos Sub 14, para percorrer 2 km, seguidos dos Sub 12 e Sub 10 (800 metros), Sub 8 (300 metros ou unha volta á praza).

 

Premios

 

O Concello de Frades destina máis de 2.000 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros), tanto na categoría masculina como feminina; así como para os tres mellores equipos (150, 100 e 50 euros). A clasificación por clubs será establecida a través da suma dos puntos acadados polos seus 8 primeiros corredores en cruzar a liña de meta. A maiores, repartiranse vales de 100, 50 e 30 euros para os clubs que máis participantes acheguen á categoría escolar, vales que poderán cambiar por material deportivo.

 

Ademais dos premios en metálico, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais aos tres primeiros equipos masculinos e femininos, así como para os tres primeiros clasificados/as empadroados/as en Frades. Así mesmo, haberá medallas para todos os participantes escolares. Os trofeos non serán acumulativos, agás os correspondentes aos atletas locais.

 

Patrocinadores

 

A X Carreira Pedestre Popular Concello de Frades está organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Central de Frades Sociedade Cooperativa Galega, Gofer Frutas Ordes, Froitería A Nova, Finca Restaurante O Cadaval, Amósfera Sport Sportec Ordes, Nutri Sport, Erimsa, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Pepsico, Camba Distribuciones SL, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Supermercado Tandy, Bar Vilariño, Toribio Viqueira, Imprenta Alpi, Garabato de Xogos, Artio, As Puntadas, Feiraco, Todo Saúde Clínica Integral e Carreiras Galegas.

 

Paula Mayobre foi a dominadora absoluta desta proba, pois gañou en cinco das súas seis participacións, antes da súa retirada. Completan o palmarés corredoras de renome como a maratoniana Ester Navarrete, Edymar Daniely Brea, Sandra Mosquera e a actual campioa Uxía Pérez Bugarín. Na proba masculina só Lolo Penas e Nuno Costa foron quen de inscribir o seu nome dúas veces entre os gañadores e ninguén foi quen de gañar dúas probas seguidas. O resto de triunfos foron para Víctor Rioboo, Hassan Lekhili, David Santos, Pablo Bocelo e o actual campión Jorge Puig.

Deja un comentario