Thursday 01 de May de 2025

A Xunta abre o venres o prazo de solicitude nos campamentos con seis novas experiencias


As novidades nesta modalidade do programa estival do Goberno galego localízanse en Santiago, Negreira, Mesía, O Carballiño, O Pereiro de Aguiar e A Veiga

O total das prazas destinadas a nenos e nenas de 9 a 17 anos é de 8.183, das que 306 corresponden a intercambios con outras comunidades

Tamén os campos de voluntariado contan cunha decena de iniciativas a estrear no marco dun programa ao que optarán 750 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos

O conxunto da campaña inclúe tamén minicampamentos, actividades alternativas para maiores de 18 e uso de instalacións xuvenís

López Campos destaca que “somos un referente en todo o Estado polo nivel de calidade das propostas, que cada ano tratamos de ampliar e actualizar”

O Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentou hoxe a campaña Modo verán activo coa que a Xunta, destacou, “volve marcar un récord histórico na oferta de prazas, con 11.630 en total, 100 máis que o ano pasado, e segue a consolidarse como un referente en todo o Estado polo nivel de calidade das súas propostas, que cada ano tratamos de ampliar e actualizar”.

 

Así, no marco desta programación estival que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, o representante do Goberno galego incidiu na “grande oportunidade que lle ofrecemos á nosa mocidade para empregar o seu tempo libre durante xullo, agosto e setembro en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo”. Neste senso, fixo fincapé na modalidade de campamentos, destinada a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos, e que presenta a maior oferta da campaña con 7.877 prazas en Galicia, repartidas en 38 instalacións das catro provincias, ás que se suman outras 306 expandidas polo País Vasco, Estremadura, Castela e León, Castela A Mancha, A Rioxa, Madrid e Cantabria.

 

Deste xeito, segundo explicou, “o obxectivo é seguir medrando para brindar as mellores oportunidades á nosa xuventude, tanto para divertirse con iniciativas que abranguen distintos intereses, como para o seu enriquecemento persoal”. Para isto, indicou, “sumamos nesta convocatoria 266 prazas máis que o ano pasado, ademais de incorporar seis experiencias novas”.

 

Referiuse así López Campos ás seguintes propostas novidosas: o campamento Creativo artístico, que se desenvolverá no albergue do Monte do Gozo, en Santiago de Compostela, con 30 prazas; o Eco Camp Labrego, na Granxa Escola Bergando, en Negreira, con dúas quendas de 25 persoas cada unha; O bosque animado, na Granxa Escola Garatuxa, en Mesía, que ofrece 20 prazas; Arte, danza urbana, tecnoloxía e natureza, na Residencia de tempo libre do Carballiño, con dúas roldas para 45 participantes cada unha; Contos e lendas, no Colexio Guillelme Brown, en O Pereiro de Aguiar, para 30 mozos e mozas, e Os segredos do universo, no Albergue xuvenil Montañas de Trevinca, en A Veiga, que conta con 30 prazas. Ademais, o campamento O sabor do verán, que se repite este ano, terá lugar  nunha nova localización, a Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, en Ourense.

 

Xunto cos campamentos, tal e como apuntou o responsable de Xuventude do Executivo autonómico, volven tamén os minicampamentos Coñece Galicia “no marco dun amplo programa xa consolidado e co que, ademais, ofrecemos un recurso de conciliación da vida familiar e laboral”. Trátase dunha proposta lúdico formativa que conta con 779 prazas para nenos e nenas de 9 a 12 anos, e que se desenvolve nos espazos naturais da Comunidade cunha duración de 5 días, de luns a venres. Neste senso, os participantes optarán a 16 programas de estadías diferentes, con aloxamentos en establecementos turísticos, “co obxectivo de favorecer as necesidades de conciliación á vez que se fomenta o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia”.

Actividades para maiores de 18 anos

Por outra banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, fixo referencia á mocidade de entre 18 e 30 anos, salientando que “tamén poñemos o foco neles, conscientes da importancia de ofrecerlles propostas de calidade acordes ás súas inquedanzas”.

 

Así, nesta franxa de idade destacan os campos de voluntariado, cun programa que oferta este ano 600 prazas en 37 localizacións de Galicia, ás que hai que sumar outras 75 noutras comunidades autónomas e 75 máis no estranxeiro. Trátase, tal e como lembrou López Campos, de accións que se desenvolven maioritariamente en colaboración cos concellos e “pretenden favorecer a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna”  a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos. Ademais, en contraprestación, os participantes gozarán da práctica de deportes ou visitas a lugares de interese histórico e cultural.

 

Nesta modalidade, os mozos e mozas disporán dunha decena de iniciativas novas con respecto á campaña do 2024. Así, na provincia do Coruña atópase o campo de voluntariado Monte Sacro, en Boqueixón. Mentres, en Lugo terán lugar os campos de Fervenza do Pozo do Batán, en Quiroga; Castro da Torre, en Folgoso do Courel, e Ancares, en Navia de Suarna. En Ourense figuran as propostas Vida salvaxe, en Entrimo; Tra-los pasos da Raíña Santa, en Bande, e un campo en Larouco. Pola súa banda, Pontevedra conta con Sendeiros do Louro,  en O Porriño;  con Na procura das fortalezas do Baixo Miño: As Torres, en Tomiño, e Arousa Azul, en Vilanova de Arousa.

 

Ademais deste programa, este ano dáselle continuidade ao paquete de actividades específicas para maiores de 18 anos “tras o éxito colleitado o ano pasado”, puntualizou o representante da Xunta de Galicia, e que promove, dixo, “un ocio alternativo con accións destinadas a mellorar as competencias e habilidades da xuventude”. Así,  con 218 prazas en 8 instalacións e unha duración de entre 4 e 13 días, a través da educación foméntase o coñecemento da xeografía e o patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia, “promovendo o seu respecto e posta en valor”.

 

Ademais da oferta directa de prazas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a campaña de verán tamén inclúe o uso das instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas. A proposta, con 1.720 prazas e quendas de 5 a 10 días de duración, tamén está dirixida a grupos de rapaces e rapazas non asociados que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro.

 

Prazos de inscrición

Tras a publicación hoxe da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, o prazo de inscricións abrirá este venres día 2 e estenderase ata o 15 de maio para campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado en Galicia. Pola súa banda, os campos de voluntariado doutras comunidades autónomas terán de prazo do 7 ao 13 de maio, mentres que os do estranxeiro abriron inscricións o 3 de marzo e as actividades de ocio alternativo para maiores de 18 anos poderanse solicitar a partir de mediados de mes.

 

Así mesmo, as solicitudes para campamentos e minicampamentos realizaranse a través dos formularios correspondentes publicados na sede electrónica da Xunta de Galicia e a adxudicación de prazas levarase a cabo mediante sorteo. No que respecta aos campos de voluntariado e ao programa de ocio alternativo as prazas outorgaranse por orde de inscrición, que neste caso se habilitará na web de Xuventude.

 

Ademais, a oferta concertada para o uso de instalacións xuvenís, que se rexe por unha convocatoria propia que establece a orde de prioridade na adxudicación das peticións, tamén abre o prazo este venres.

 

Por último, López Campos quixo facer fincapé en que “esta campaña avoga plenamente pola integración e a inclusión, de maneira que todos os mozos e mozas teñen a oportunidade de participar en igualdade de condicións”, contando sempre co persoal especializado que se precise. Deste xeito, as persoas con discapacidade contan con tres opcións para presentar as súas solicitudes para campamentos: polo procedemento xeral, podendo escoller calquera das prazas ofertadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; pola vía das 100 prazas reservadas para inclusión, que se ofertan en varias instalacións, ou ben a través da convocatoria de campamentos da Consellería de Política Social, con 250 prazas.

Deja un comentario