Friday 02 de May de 2025

O Concello rende homenaxe ás cantareiras polas  Letras Galegas cunha programación de catro días  con música, baile, teatro e encontros 


Inés Rey: “Desde o Concello celebramos este recoñecemento a mulleres  que durante xeracións foron transmisoras da cultura popular, da lingua e  da historia colectiva a través da música” 

María Pita acollerá un acto de homenaxe ás sete mulleres homenaxeadas  este ano o venres 16 de maio 

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá os actos que o  Concello celebrará para conmemorar o Día das Letras Galegas 2025, que este ano está  dedicado ás cantareiras e que a Real Academia Galega personificou en sete mulleres:  Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García, Prudencia  Garrido e Asunción Garrido. Rey estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo,  Gonzalo Castro. Tamén participaron no acto artistas e agrupacións culturais coruñesas que  participan no programa. 

Este ano, o Día das Letras Galegas daralle voz ás cantareiras, “nun recoñecemento da nosa  tradición oral como literatura viva e que perdura no tempo, de xeración a xeración, ata o día  de hoxe”, apuntou Inés Rey. “Desde o Concello celebramos este recoñecemento a mulleres  que durante xeracións foron transmisoras da cultura popular, da lingua e da historia colectiva  a través da música. O seu saber non está nos libros, senón na memoria compartida e nas  palabras cantadas, o que pon en valor formas de literatura non escrita pero igualmente  poderosas”, engadiu a alcaldesa. 

Durante o acto, celebrado en María Pita, tamén tomaron a palabra Olga Kirk, de Donaire, en  representación das asociacións culturais coruñesas, e Belém Tajes, unha das artistas que  participarán nesta edición da Festas das Letras, con actuacións en distintos puntos da cidade. 

A alcaldesa, ademais, anunciou un acto de homenaxe ás cantareiras homenaxeadas este  ano en María Pita o venres 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas. 

“As cantareiras foron, e seguen a ser, verdadeiras embaixadoras da identidade galega. Nun  contexto onde moitas veces as mulleres foron invisibilizadas, homenaxealas supón un acto  de xustiza e unha forma de recoñecer a súa aportación fundamental á cultura e á defensa da  nosa lingua”, sinalou Inés Rey. 

No acto estiveron presentes Pablo Díaz, Olga Kirk (Donaire), Isabel García (Aturuxo), Nieves  Mata e Lois Catoira (Cántigas da Terra), Alba Bermúdez (Galeatro), Víctor Ledo (Zavala),  Belém Tajes, Davide Leira (Maghúa), Miguel Ocampo e Bieito Romero (Breo), Ana Moas,  Pablo Agra e Alba Burke (Carabela), Eris Mackenzie, Manuel Viqueira (Espadana), Patricia  Miño (Xacarandaina) e Ana Antonio (Contiños da Feira). O deseño do cartel da programación  do Concello polo Día das Letras Galegas foi obra da artista coruñesa Ana Seoane. 

A Festa das Letras, catro días de programación na cidade 

A programación municipal das Letras para este 2025 encherá as rúas da cidade de música e  cultura galega durante tres intensas xornadas, do venres 16 ao domingo 18, ás que haberá  que engadir o domingo 25, día no que se celebrará unha conversa moi especial arredor das  cantareiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025, na Fundación Luís Seoane. 

Os xardíns de Méndez Núñez serán o espazo no que as agrupacións culturais coruñesas  levarán a cabo foliadas e actuacións. Participarán Cántigas da Terra, Aturuxo, Xacarandaina,  Donaire, Maghúa, Son D’Aquí, Espadana e Contiños da Feira o venres ás 22.30 e sábado e  domingo ás 17.00. Ademais, sábado e domingo haberá outro escenario no Campo da Leña,  polo que pasarán artistas galegos de estilos moi diferentes como Ortiga, Zavala, Ulex, Breo,  Carabela, Belém Tajes e Eris Mackenzie.  

Durante as tres xornadas distintas prazas da cidade acollerán actuacións singulares e obras  teatrais. Haberá actos na praza do Humor, na praza de San Andrés, en Azcárraga, en José  Sellier… Tamén haberá pararrúas e concertos de grandes formacións no Teatro Colón como  Treixadura, que actuará o día 16 dentro do ciclo Folk no Colón, ou a Banda Municipal de Música, que terá un concerto especial o domingo 18 xunto a Pedro Lamas e Lilaina. Tamén  celebrarase unha gala especial polo 70 aniversario de Aturuxo, na que se renderá homenaxe  ás Pandereteiras de Mens, o domingo 18 ás 19.00 no Teatro Rosalía de Castro. 

A programación municipal complétase con outras actividades e iniciativas como a actuación  de Xosé Lois Romero e Aliboria no AgoraSon, as andainas do ciclo A Coruña das Letras ou  os espectáculos para nenos dentro do programa Apego, no Ágora. 

“Homenaxear ás cantareiras non é só celebralas, senón tamén recuperar o hábito de escoitar:  ás persoas maiores, ás voces esquecidas, ás músicas que falan dunha terra e dunha maneira  de sentir. É unha oportunidade para aprender, compartir e manter viva a nosa cultura”, sinalou  a alcaldesa. 

Sobre as cantareiras homenaxeadas 

Desde o Concello este ano ponse o foco nos vínculos das sete mulleres homenaxeadas polo  Día das Letras Galegas coa cidade. Todas elas, algún momento vital, amosou o seu talento  na Coruña. 

No caso de Adolfina Casás e Rosa Casás, as dúas naceron na Vila da Igrexa, en Cerceda.  Son tía e sobriña e o seu legado o coñecemos grazas ao labor de Richi Casás, neto de Rosa  e sobriño neto de Adolfina, que participará na mesa redonda da Fundación Luís Seoane.  Ambas, fillas de solteira, criáronse xuntas e aprenderon a cantar no seo da familia. Viviron en  condicións de moita pobreza, pero eran mulleres xenerosas que compartían todo o que tiñan,  fortes e creadoras de ledicia, en palabras de Rafael Casás. A súa habilidade para o canto  facía que fosen requiridas para cantar nos traballos comunais e nas foliadas, pois eran  recoñecidas por estes saberes pola xentes do lugar. Morreron, respectivamente, en Culleredo  e na Agra do Orzán, onde Rosa residiu. 

Eva Castiñeira naceu no lugar de Agranzón, en Muxía. De ben nova, con só oito anos de  idade, xa cantaba nos bailes e romarías con outras dúas pandeireteiras veciñas da bisbarra  e mais coa súa irmá Engracia. Coma moitas mulleres do seu tempo, emigrou á Coruña para  traballar no servizo doméstico e asentouse no barrio de San Pedro de Visma. Co tempo, marcaría un fito histórico para a música tradicional ao converterse na primeira pandeireteira  en colaborar cun grupo folk, actuando con Milladoiro no Pazo dos Deportes de Riazor. 

Por último, tamén renderase homenaxe a Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia  e Asunción Garrido Ameixenda, as Pandeireteiras de Mens, un grupo de labregas da  parroquia malpicá que lles deu nome. Cando algunha xa superaba os 80 anos, viaxaron por  Europa e América coa súa música formando parte, a partir de 1972, da Agrupación Folclórica  Aturuxo. Elas protagonizaron outro deses fitos históricos da cultura galega, ao actuar nun  escenario, no do Teatro Colón, en maio de 1972. Tamén acompañaron a un grupo de baile,  o de Aturuxo, no Teatro Rosalía de Castro en decembro de 1972. 

Programación completa 

Venres 16 de maio 

18.00 h | Praza do Humor 

Culturactiva producións presenta MÁIS SAAABOR! 

18.00 h | Pasarrúas dende a praza de Lugo á praza José Sellier. 

ESPADANA tradicional con cabezudos. 

19.30 h | Praza de San Andrés 

Galeatro presenta MUIÑADA 

21.00 h | Teatro Colón 

TREIXADURA 

22.30 h | Xardíns de Méndez Núñez 

Foliada con CÁNTIGAS DA TERRA, ATURUXO, XACARANDAINA, DONAIRE,  MAGHÚA, SON D’AQUÍ, ESPADANA e CONTIÑOS DA FEIRA.

Sábado 17 de maio 

12.30 h | Praza de Azcárraga 

DÚO CRO-CRÓ 

PAVA 

12.30 h | Praza do Humor 

Lydia Botana presenta A FEIRA DAS LINGUAS 

13.00 h | Praza José Sellier 

Pulpiño Viascón presenta DALLECOPÉ 

17.30 h | Xardíns de Méndez Núñez 

A.C. SON D’AQUÍ 

A.C. XACARANDAINA 

18.00 h | Praza do Humor 

Contos a pé de rúa con CAXOTO 

19.30 h | Praza de San Andrés 

Artefacto producións presenta ao DÚO VAGUEDADES (Isabel Risco e Fran Rei) 21.00 h | Campo da Leña 

ZAVALA + Atalaias de Caión 

ULEX 

ORTIGA

Domingo 18 de maio 

12.00 h | Praza de Azcárraga 

CRIS REGUEIRO 

UNTO VELLO 

12.00 h | Campo da Leña 

BREO 

CARABELA 

12.15 h | Teatro Colón 

BANDA MUNICIPAL DE MÚSICA DA CORUÑA con PEDRO LAMAS e LILAINA 12.30 h | Praza do Humor 

Novas vellas melodías con PABLO DÍAZ 

13.00 h | Pasarrúas entre as prazas José Sellier e Cormelana 

Charanga BICOIA 

17.30 h | Xardíns de Méndez Núñez 

CÁNTIGAS DA TERRA 

A.C. DONAIRE 

18.00 h | Praza de San Andrés 

Atenea García e Vero Rilo presentan BAILEN AS VELLAS OS CONTOS DAS  CEREIXAS 

19.00 h | Teatro Rosalía de Castro

GALA DO 70° ANIVERSARIO DA A.F. ATURUXO E HOMENAXE ÁS PANDERETEIRAS  DE MENS. Coa A.F. Aturuxo, Follas Novas e Pandereteiras de Encrobas. 

19.00 h | Campo da Leña 

BELÉM TAJES 

ERIS MACKENZIE 

Domingo 25 de maio 

Fundación Luis Seoane. 

11:30 h – Conversa arredor das cantareiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas  2025: Adolfina e Rosa Casás Rama (Vila da Igrexa, Cerceda), Eva Castiñeira Santos  (Agranzón, Muxía) e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido  Ameixenda (Mens, Malpica). 

Interveñen: 

  • Richi Casás, docente e músico. 
  • Isabel García, Presidenta da A.F. Aturuxo. 
  • José Manuel Fdez. Pensado, Presidente de honra da A.F. Aturuxo. ● Xosé Manuel Varela, escritor e divulgador cultural. 
  • Icía Varela, filóloga e música. 
  • Gemma Malvido, xornalista de La Opinión. 

13:00 h – Intervención musical do dúo Casás&Barcia.

Máis programación 

  • Do 8 de maio ao 1 de xuño. Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga.  Exposición 70º ANIVERSARIO DA A.F. ATURUXO. PANDERETEIRAS DE MENS. 
  • Sábado 3 de maio, ás 11.30 h: “Andaina das cantareiras: Rosa Casás, Eva Castiñeira  e outras músicas da Coruña” (A Coruña das Letras, camiñada pola cidade guiada por Xurxo Souto, con inscrición previa) 
  • Martes 6 de maio, ás 17.00 e 18.30 h: “Lúa triangular, nada é imposible”, de Jara Ortiz.  (Espectáculo de contacontos musical para público infantil, con inscrición previa, dentro do Programa Apego, no Centro Ágora) 
  • Sábado 10 de maio, dende as 12.00 h: Foliada da A.C. Donaire no Parque de Eirís.  Concertos de Axeitadiñas e Tiruleque e foliada dende as 18 h. 
  • Domingo 25 de maio, ás 11.00 e 16.00 h: XXXIV Concurso de Música Tradicional  Xacarandaina no Centro Ágora. 
  • Martes 27 de maio, ás 17.00 e 18.30 h: “Dende Rosalía ata as cantareiras. As mulleres  nas letras”, da Xanela do Maxín. (Espectáculo de monicreques para público infantil, con inscrición previa, dentro do Programa Apego, no Centro Ágora) 
  • Venres 30 de maio, ás 21.00 h: “AgoraSón primavera, con Xosé Lois Romero e  Aliboria”. (Concerto en colaboración coas Bibliotecas Municipais, con entrada por invitación, no Centro Ágora)
  • Sábado 7 de xuño, ás 11.30 h: “As rúas que soan: da Pescaría ao Campo da Leña.  Ópera ambulante” (A Coruña das Letras, andaina pola cidade guiada por Xurxo Souto, con inscrición previa)

Sábado 14 de xuño, ás 11.30 h: “Historias ocultas da música popular: tras das  pegadas de Manuel Cajaraville e as Pandeireteiras de Mens” (A Coruña das Letras,  andaina pola cidade guiada por Xurxo Souto, con inscrición previa)

Deja un comentario