Friday 22 de November de 2024

Turismo de Galicia continúa na súa aposta por incrementar a calidade da rede pública de albergues do Camiño de Santiago



A directora de Turismo de Galicia visitou esta mañá o resultado das obras de reparación e mellora do albergue público de peregrinos de Teo no Camiño Portugués


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou esta mañá o resultado das obras de reparación e mellora do albergue público de peregrinos de Teo no Camiño Portugués a Santiago.

O albergue, construído entre o 1999 e 2000, abre de novo as súas portas trala finalización das obras de reparación poñendo á disposición dos peregrinos 28 prazas de aloxamento. Situado na última etapa do Camiño Portugués, estaba xestionado ata agora polo concello de Teo, pero tras a súa renuncia, asume de novo dita xestión Turismo de Galicia, a través do Xacobeo.

As obras estiveron encamiñadas á reparacións de albanelería, tales como, alicatados da zona da cociña, reparación de fontanería fugas de auga no teito da planta baixa, pintado de todo o edificio para mellorar a súa imaxe e reparacións menores de alumeado e baños. Así mesmo, levouse a cabo a reparación dos termos co obxectivo de adecualos a normativa vixente actual.

O obxectivo é mellorar as instalación e as condicións de acollida do albergue para que todos os albergues da rede pública do Camiño de Santiago cumpran uns niveis de calidade axeitados.

Neste senso, Turismo de Galicia realiza labores de mantemento, reparación e mellora continuas, unidas ao mantemento e sinalización do Camiño de Santiago, para conservar e protexer a rede pública de albergues do Camiño, que, segundo sinalou, no pasado ano acolleu un total de 334.975 peregrinos.

Esta rede de albergues públicos da Ruta Xacobea suma na actualidade un total 70 establecementos que ofrecen máis de 3.200 prazas ao longo das distintas rutas xacobeas. Concretamente, no Camiño Portugués sitúanse dez albergues dentro desta rede pública que ofrecen un total de 431 prazas de aloxamento e rexistraron no pasado ano 2015 un total de 3.500 peregrinos.

Segunda Ruta Xacobea máis transitada
O Camiño de Santiago continúa coa súa tendencia de crecemento. No que vai deste ano, chegaron a Compostela un total de 4.220 peregrinos, o que supón un incremento do 14,92%, en relación ao mesmo período do pasado ano.

No que se refire ao Camiño Portugués, neste 2016 escolleron xa esta Ruta Xacobea un total de 737 peregrinos. Así, a vertente portuguesa do Camiño de Santiago foi escollida no que vai de ano polo 17,46% do total de peregrinos que chegaron a Compostela, consolidándose como a segunda Ruta Xacobea máis transitada.