Friday 02 de May de 2025

O Concello amosa o seu apoio aos cooperativistas de vivendas sociais en terreos da Xunta e obrigados agora a pagar 975 euros ao mes polos pisos


O concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz, reuniuse esta mañá con representantes das persoas afectadas para mediar na busca dunha solución

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz, reuniuse esta mañá nas dependencias da concellería cun grupo de cooperativistas afectados polos cambios económicos da cooperativa para permitir o acceso á vivenda.

A Xunta ofreceu catro parcelas en Xuxán para construír vivendas sociais, mais non promovidas pola propia Xunta, senón mediante cooperativas. Foi unha cooperativa, Galivivienda, a que se fixo cargo das ditas promocións, que suman 224 vivendas repartidas en dous bloques de 60 (Z35 e Z40), un de 90 (Z27) e un de 14 (Z07), todos eles con licenza xa para iniciar as obras.

Os cooperativistas relatan que asinaron un contrato polo cal accederían ás vivendas aboando 500 euros ao mes. Non obstante, nos últimos días a cooperativa mudou as condicións e esixe 475 euros mensuais adicionais durante un período de 10 anos. As persoas afectadas relataron que en ningún caso poden facer fronte ao pago de 975 euros mensuais para acceder a unhas vivendas deseñadas precisamente para persoas con escasos recursos.
“Non é de recibo que a solución para a vivenda social que propón a Xunta pase por facer que as persoas teñan que pagar tales cantidades”, indicou Díaz Gallego. O concelleiro ofreceuse a mediar ante a Xunta para buscar unha solución razoable que permita que as vivendas sociais sexan, de feito, vivendas sociais con tarifas razoables.

Deja un comentario