
O pavillón Capo da Serra acollerá este sábado, día 3, o Campionato galego absoluto de halterofilia, no que se darán cita máis de 150 atletas. Así o anunciaron no acto de presentación do evento o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla e a presidenta do Club Halterofilia Gaman, de Narón, Susana Basoa. O Concello de Narón colabora co citado club local e coa Federación Galega de Halterofilia na organización deste evento, que se levará a cabo na cidade por terceiro ano consecutivo.
Susana .. explicou que a celebración da Liga Galega de clubes coincide este ano co Campionato galego absoluto, “o que suporá que os mellores levantadores de toda Galicia se dean cita neste pavillón polideportivo de Narón”. Así mesmo, explicou que dende as 9:00, e ao longo de todo o día, “os atletas subirán á tarima para acadar os froitos de toda a súa preparación para ser os mellores a nivel autonómico”. Entre os máis recoñecidos, citou a Adrián López, Noemí Piñeiro e Ana Sempere, “que competirán en Narón co obxectivo de ser os mellores nas súas respectivas categorías e optar a medallas”.
Así mesmo, durante a xornada tamén se desenvolverá con rapazas e rapaces a Liga galega base, a partir das 12:30 horas. Locais como Gala Fernández, Sara Villares, Lola Vizoso, Gala Piñeiro e Manuela Yáñez realizarán levantamentos e enfrontaranse a atletas de toda Galicia.
O concelleiro de Deportes, agradeceu a implicación da Federación Galega de Halterofilia e do Club de Halterofilia Gaman para poder levar a cabo un ano máis na cidade este evento deportivo, “que se consolida ano tras ano e que conta cunha traxectoria cada día máis importante en Narón”. Santalla animou ás veciñas e veciños de Narón e comarca a achegarse ao pavillón Capo da Serra a ver este campionato -a entrada é de balde- e animar aos deportistas, desexándolles moita sorte aos locais.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.