Wednesday 30 de April de 2025

O Concello inicia traballos de mellora da seguridade  e accesibilidade na Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias 


A actuación, que ten un orzamento superior a 100.000 euros, consiste na  substitución das varandas do recinto e a creación de novas ramplas e  escaleiras 

O Concello iniciou nos últimos días as obras de mellora da  accesibilidade e seguridade na Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias. O Concello destina algo máis de 100.000 euros a acometer melloras en diversos puntos da Cidade  Deportiva da Torre. Isto suporá, entre outras accións, a renovación das barreiras de  protección que hai na contorna dos campos de fútbol. 

“Esta medida é fundamental para seguir avanzando no plan progresivo de renovación da  Cidade Deportiva iniciado polo Goberno de Inés Rey”, sinalou Manuel Vázquez, concelleiro  de Deportes. Substituiranse as varandas deterioradas pola súa exposición ás condicións  meteorolóxicas destes campos por unhas novas. 

Ademais, levaranse a cabo diferentes medidas en materia de accesibilidade, adaptando as  instalacións á normativa actual. Entre os traballos destaca a instalación de lousas podo táctiles, o acondicionamento do firme e a creación de novas ramplas de acceso e escaleiras. 

Con esta actuación, darase cumprimento ás principais reclamacións dos usuarios e usuarias  da cidade deportiva, onde xa se renovou o céspede artificial dos campos e tamén se instalou  iluminación led de baixo consumo. Ademais, outra das peticións das persoas usuarias, a  instalación dun espazo de lecer e restauración, tamén foi satisfeita o pasado ano 2023.

Deja un comentario