
O Concello de Neda brinda ás familias a posibilidade de inscribir a novo alumnado na Escola infantil municipal Os Pelegríns en tanto queden vacantes, ao non cubrirse durante o prazo aberto para a reserva a totalidade das prazas ofertadas. O servizo socioeducativo, destinado a atender a facilitar a conciliación manterá a gratuidade total durante o curso 2025-2026.
Apuntan dende o Concello que se formalizaron un total de 23 reservas de cara ao próximo ano polo que, como en exercicios anteriores, tramitaranse novas solicitudes de praza ata completar as ratios das aulas existentes. Os grupos de 0-1 anos e de 2-3 anos son os que presentan máis vacantes.
O servizo municipal, destinado a menores de entre tres meses e tres anos de idade, abre os doce meses do ano, e ofrece ás familias xornadas adaptadas ás súas necesidades de conciliación (xornada completa, media, reducida) e conta con cociña propia, incidindo nunha alimentación saudable. O proxecto educativo do centro aposta polo xogo e a experimentación como fórmulas para a aprendizaxe.
A escola infantil municipal vai destinada de forma preferente a familias empadroadas no municipio. Con todo, ao existir vacantes, poderán anotarse persoas doutros municipios. Os trámites para que novos menores accedan ao servizo poden facerse no rexistro xeral do Concello, ben de forma presencial na Casa Consistorial, ben a través da sede electrónica.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.