Wednesday 30 de April de 2025

O apagamento eléctrico non impediu a celebración do pleno, no que foron aprobadas todas as propostas do goberno sen votos en contra


Malia o apagamento eléctrico, a corporación municipal celebrou este luns a sesión ordinaria correspondente ao mes de abril con relativa normalidade, basicamente porque non puido poñerse en funcionamento o sistema de gravación para videoactas, houbo que levantar os estores para que entrase a luz natural no salón e o PP decidiu aprazar as cinco preguntas que tiña presentadas para o mes que vén, aínda que mantivo os dous rogos.

 

Todas as propostas do goberno municipal do BNG foron aprobadas sen votos en contra, e mesmo por unanimidade, como as bonificacións de IBI, IAE e ICIO a dúas empresas de nova instalación no polígono de Bértoa ou o proxecto de reforma da Praza de Vigo xunto coa solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para acometelo.

 

A actuación consistirá na creación dunha plataforma única para fomentar o uso do espazo por parte da veciñanza e das persoas usuarias do centro de día e da residencia de maiores. Con esa finalidade realizarase unha reordenación do tráfico, que quedará restrinxido a residentes e vehículos adaptados, renovarase a iluminación e crearase unha zona de estancia con mobiliario urbano e sombra grazas á plantación de varios exemplares de tileiro. Tamén se aproveitará para renovar servizos urbanísticos. O orzamento acada os 337.500,00 €, dos cales a Deputación achegaría o 80% e o Concello, o 20%.

 

A corporación municipal tamén aprobou de xeito inicial, despois da superar a exposición pública, a ordenanza reguladora de aspectos relativos á xestión dos residuos sólidos urbanos. O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, ofreceu una detallada explicación do contido da ordenanza, que contou cos votos favorables do BNG e o PSOE, mentres que o PP abstívose.

 

Populares e socialistas tamén se abstiveron con respecto á proposta de suplemento de crédito por importe de 1,6 millóns de euros para financiar a execución de obras e, principalmente, a compra de terreos. Podes consultar a relación completa aquí.

 

O PP tiña presentado cinco preguntas e dous rogos, pero optou por deixar as preguntas para o pleno do mes que vén e formular unicamente os rogos, relativos ao uso indebido do campo da festa de Lema por parte de vehículos pesados que causan danos nese espazo público e ao establecemento da dirección única na rúa Fomento. Con respecto ao primeiro, desde o goberno informouse de que foi identificada unha empresa de transporte e que se está tramitando o expediente correspondente, e en relación co segundo lembrouse que o establecemento desa dirección única figuraba xa no plan de mobilidade do 2019, que sigue figurando no actual, e que en todo caso as competencias en materia de tráfico na zona urbana son exclusivas do concello. O alcalde pediulle ao portavoz do PP que retirase unha expresión contida no rogo por considerala inadecuada, pero o popular non accedeu.

Deja un comentario