
Acompañaron a expedición o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.
Un centenar de laracheses maiores de 55 anos, xubilados ou pensionistas desfrutaron no día de onte dunha excursión polas localidades de Valença do Minho e Vila Nova da Cerveira en Portugal e as pontevedresas de Baiona, A Guarda e O Rosal.
A iniciativa foi organizada polo Concello como proposta lúdica, recreativa e cultural que se marcou como obxectivo esencial optimizar o tempo de lecer dese colectivo, animarlles a coñecer e visitar localidades próximas e axudar a tecer relacións sociais entre os asistentes.
Á fronte da expedición estiveron o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López. Ao xantar, nun restaurante xunto á desembocadura do Miño no municipio de A Guarda, incorporouse a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, convidada polo seu homólogo larachés.
O apagón acontecido no día de onte unicamente afectou á ruta enolóxica con visita e degustación de viño na Adega Terras Gauda (situada en O Rosal), xa que soamente puido realizala a metade dos asistentes.