Wednesday 30 de April de 2025

Os clubs de remo de toda a zona norte daranse cita na Regata de Traiñeiriñas da Pobra


• A cita terá lugar este domingo, 4 de maio, na dársena do porto comercial.

A Pobra do Camariñal será, un ano máis, o escenario da Regata Liga Norte Traiñeiriñas, unha proba que contará con representación de preto dunha decena de clubs de remo. O evento, organizado polo Club de Remo Puebla en colaboración co Concello e a agrupación de Protección Civil da Pobra, terá lugar este domingo, 4 de maio, na dársena do porto comercial.

Os clubs da Regata Liga Norte Traiñeiriñas participarán divididos en tres categorías: absoluta, xuvenil e cadete (masculino e feminino). No caso das dúas primeiras, as embarcacións cubrirán unha distancia total de 3.500 metros, mentres que as agrupacións de cadete percorrerán 1.750 metros.

Trátase dunha regata de pretempada e de carácter amistoso que funcionará como evento de transición de cara á época estival, onde a modalidade traiñeira volverá ser a gran protagonista. A diferenza desta, na traiñeiriña nas embarcacións viaxarán seis remeiros e un patrón. A do domingo será unha preparación para dúas das competicións que se desenvolverán na Pobra en maio: o Campionato Provincial de Traiñeiriñas (10 e 11 de maio) e o Campionato de España (24 e 25 de maio), unha das citas de maior repercusión deportiva que se celebrarán no municipio este ano.

Carácter solidario
Ademais da propia competición deportiva, o Club de Remo porá a disposición do público asistente unha cantina solidaria. Todo o que se recade durante a Regata destinarase á reconstrución das instalacións do Club Puebla, tras o incendio sufrido en xaneiro.

Deja un comentario