
Goretti Sanmartín compareceu acompañada polos concelleiros de Convivencia e Seguridade Cidadá, Xan Duro, e de Servizos Básicos, Xesús Domínguez, para dar conta da volta á normalidade do municipio tras o apagón e do operativo creado para responder á falta de subministración eléctrica durante unhas 18 horas. A alcaldesa salientou o esforzo dos servizos municipais, o comportamento exemplar da veciñanza, e o papel esencial do comercio e da hostalería de proximidade.
Santiago volve á normalidade tras o apagón xeralizado sufrido no día de onte que se saldou sen grandes incidencias. “Podemos parabenizarnos do civismo e a tranquilidade da poboación, á que temos que agradecer a normalidade coa que discorreron estas longas horas sen subministración eléctrica”, subliñou a alcaldesa, que presidiu un gabinete de emerxencia coas concellarías de Servizos, Seguridade, Educación, Servizos Sociais e de Réxime Interior unha vez confirmada a noticia “de que se trataba dun corte de subministración importante, que podía ter consecuencias no funcionamento dos servizos”. Sanmartín tamén salientou que se mantivo en contacto tanto coa Delegación e Subdelegación do Goberno como coa Xunta de Galicia e tamén coa comisaria de Santiago, Nuria Palacios, “a quen lle agradecemos toda a dispoñilidade e colaboración”.
Sanmartín tivo, así mesmo, un agradecemento especial “ao persoal de todos os servizos que atenderon a emerxencia, nomeadamente ao que acudiu estando libre para reforzar a atención necesaria. Destacamos o traballo da Policía Local, dos bombeiros, do persoal de Servizos Básicos e Obras ou dos servizos informáticos, entre os nosos departamentos, e dos servizos de emerxencia do resto das administracións”.
Funcionamento con normalidade dos servizos fundamentais
Dende primeiras horas da mañá o municipio recuperaba o seu ritmo habitual. Co restablecemento da enerxía volvían ao seu funcionamento normal a iluminación e a rede semafórica, o abastecemento e a depuración, así como os sistemas de información municipal, detidos por medidas de seguridade durante a tarde-noite. “Desde primeira hora revisáronse os centros de mando e todo funciona correctamente”, anunciou a alcaldesa.
O gabinete de emerxencia municipal centrouse dende o primeiro momento en conseguir que todos os servizos fundamentais funcionasen. Deste xeito, no caso dos servizos de emerxencia e seguridade, habilitáronse xeradores de xeito inmediato para garantir as comunicacións do Servizo de Extinción de Incendios e da Policía Local.
Aumentouse, así mesmo, o número de patrullas na rúa durante a noite: 7 da Policía Local e 17 do Corpo Nacional de Policía. O Servizo de Extinción de Incendios reforzouse tamén cun equipo enteiro (1 sarxento e 3 bombeiros cun camión) para atender os posibles requirimentos do Plan de Emerxencias de Galicia.
Segundo sinalou o concelleiro de Convivencia e Seguridade, que reiterou o agradecemento á cidadanía polo seu “comportamento exemplar”, tan só se rexistraron tres incidentes: un accidente de tráfico na avenida de Barcelona provocado por un vehículo que saltou un stop e chocou contra un taxi; unha alcoholemia que superaba a sanción penal; e un intento de entrar nun supermercado que non chegou a producirse pola presenza do garda de seguridade.
Xan Duro salientou tamén que se produciron 15 rescates en elevadores ao longo da mañá e que o Servizo de Extinción de Incendios acudiu á praza de Fonseca, á Raíña e ao Porto de Conxo para prestar servizos autónomos da rede eléctrica aos sistemas de evacuación de auga.
Servizos básicos
A alcaldesa tamén salientou que “o abastecemento non se suspendeu en ningún momento, aínda que se acordou reducir a presión do sistema para alongar a dispoñibilidade de auga nos depósitos”.
No servizo de recollida de lixo, as illas de quita e pon quedaron instaladas durante toda a noite e retiráronse a partir das 11 h da mañá. Segundo indicou o edil de Servizos Básicos, “a razón foi a imposibilidade de recargar os vehículos eléctricos tractores”. Xesús Domínguez tamén indicou que se tomaron medidas excepcionais para garantir a dispoñibilidade de todos os vehículos de recollida, baleirando durante a tarde a súa carga en Sogama.
Así mesmo, incorporáronse dous camións de gasóleo, de reserva, que permitiron recoller unha parte significativa da cidade ante a imposibilidade de garantir a recarga dos vehículos eléctricos e de gas natural comprimido.
Suspendeuse o varrido das rúas porque non se podía operar pola falta de luz pero “este persoal reforzou a recollida”. O concelleiro subliñou que como resultado do operativo “completouse a recollida de toda a carga lateral e prestouse o servizo na zona monumental”.
Só quedou pendente, indicou o edil, a recollida no servizo de carga traseira nalgúns puntos da cidade (zona de San Caetano, rúa de Blanco Amor, rúa de Otero Pedrayo, rúa de Teo, rúa de Arzúa, rúa de Xoán XXIII, rúa do Burgo das Nacións, rúa de Vísta Alegre, rúa de Torreira, rúa do Home Santo, rúa do Espírito Santo, rúa de San Pedro, rúa do Medio, rúa do Forno, rúa das Fraguas, Belvís, Seminario Menor e Campo de Santo Antonio), aínda que a concesionaria xa estaba traballando na resolución da incidencia.
Outros servizos
A rexedora tamén lembrou que “as escolas infantís de xestión municipal están abertas no horario habitual e co servizo de comida, aínda que pode haber que realizar algún cambio de menú”.
En definitiva, resumíu Sanmartín, “foi unha noite relativamente tranquila nunha situación de emerxencia que nunca antes vivimos” que fixo “moi evidente a gran dependencia que temos da electricidade e das redes globais, tanto de enerxía como de comunicación”.
Esta situación, indicou, “ponnos fronte a reflexións importantes sobre o xeito que habitar o planeta e de comportanos como sociedade” e sinalou a importancia das redes locais e do autoabastecemento: “vimos como a xente partillaba alimentos e pensamos que importante é ter unha produción de proximidade que garanta a soberanía alimentaria. Vimos que, sendo Galicia un país produtor de enerxía, temos unha, cando menos, estraña dependencia e pouca capacidade para o autoabastecemento. Vimos que é necesario sistemas de comunicación redundantes, que non só dependan de Intenet, e que o máis importante son as persoas”.
Nesta situación a alcaldesa quixo lembrase tamén do comercio e da hostelería de proximidade “onde fiaron á clientela habitual que non dispoñía de efectivo. Neste casos é onde máis claramente se ve algo que sempre dicimos, que as redes económicas de proximidade, o comercio, son piares fundamentais”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.