Wednesday 30 de April de 2025

O Goberno de Ribeira reúne á veciñanza do barrio de Banda ao Río para atender as súas inquedanzas


O Goberno local de Ribeira mantivo hoxe unha reunión coa veciñanza do barrio de Banda ao Río para escoitar as súas preocupacións e trasladarlles as medidas que se están a adoptar para mellorar a convivencia na zona. As principais demandas veciñais centráronse na necesidade de incrementar a presenza policial para combater a drogadicción e reducir os ruídos derivados do ocio nocturno.

Na xuntanza participaron o alcalde, Luís Pérez Barral, e os tenentes de alcalde Vicente Mariño, Francisco Suárez e Xabier Vidal. Durante o encontro, Pérez Barral detallou as actuacións que se van poñer en marcha para dar resposta ás peticións da cidadanía.

En materia de seguridade, o rexedor informou de que se vai reforzar a presenza efectiva da Policía Local na zona co obxectivo de disuadir actos vandálicos e delictivos e garantir unha mellor convivencia. Así mesmo, sinalou que o Concello está a traballar no ámbito social para ofrecer alternativas ás persoas con problemas de drogadicción mediante a intervención da Unidade de Condutas Aditivas e dos educadores de rúa. Ademais, o Goberno local trasladará á Delegación do Goberno a necesidade de reforzar a presenza da Policía Nacional no barrio, solicitando un incremento de patrullas que contribúan a mellorar a seguridade cidadá.

En relación cos problemas de ruído vinculados ao ocio nocturno, o alcalde indicou que se está a realizar un control exhaustivo para garantir que os locais de hostalaría cumpren cos horarios de peche. Tamén se intensificará a vixilancia sobre o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública.
No eido da vivenda, informouse que o Goberno local ten a intención de facerse con inmobles que se atopan sen uso co fin de destinalos a vivenda pública, favorecendo así o acceso á vivenda digna e combatendo o abandono de edificios. Neste sentido tamén emprazáronse ámbalas dúas partes a colaborar para evitar que vivendas sen uso poidan ser usurpadas.

A reunión produciuse nun clima cordial e moi positivo. Dende o Goberno local trabállase para revitalizar Banda ao Río, como barrio orixinario da vila e aposta por seguir mantendo unha comunicación fluída coa veciñanza e por dar respostas concretas ás demandas.

Deja un comentario