Wednesday 30 de April de 2025

A cidade recupera a normalidade con todos os servizos operativos tras unha noite con poucas incidencias


Inés Rey: “Quero agradecer o comportamento exemplar dos coruñeses e coruñesas nun momento especialmente complexo que rematou onte a noite despois de 13 horas de incerteza”

“O traballo de Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, técnicos municipais e Policía Nacional foi impecable desde o primeiro momento para evitar situacións de risco”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, fixo balance esta mañá da situación vivida na cidade a raíz do corte de subministración eléctrica. Rey recordou que o Goberno municipal organizou, tan pronto se coñeceu o alcance da avaría, un gabinete de crise que fixo un seguimento continuo durante a xornada de onte da situación e das medidas para adoptar para evitar incidencias.

O gabinete de crise, do que formou parte tamén a Subdelegación do Goberno, permitiu que, malia a complexa situación, a cidade esté hoxe recuperando a normalidade sen apenas incidencias salientables.
Ademais de liberar máis de 90 persoas atrapadas en ascensores nos primeiros momentos, os servizos de emerxencias atenderon tamén tres incendios en senllas cociñas, incendios ocasionados a causa de cociñas acendidas que, ao recuperarse a subministración, non foron apagadas polas persoas propietarias das vivendas. En total atendéronse 108 intervencións por parte de Bombeiros e Protección Civil e 65 por parte da Policía Local.

A Policía Local dobrou a quenda de noite e a Policía Nacional triplicou a súa presenza na rúa. Non se rexistraron incidentes relevantes vinculados coa seguridade. Durante toda a noite a Policía Local controlou o tráfico nos cruzamentos máis importantes da cidade ante a ausencia de regulación semafórica. Non se rexistraron accidentes. En total, no día de onte, estiveron traballando no dispositivo 257 persoas.

A área de Benestar Social desplegou no día de onte unha actividade especialmente intensa. Repartíronse 321 comidas a domicilio e realizáronse un total de 1.448 servizos, a maioría dos previstos. Ata as 11.00 horas desta mañá realizáronse visitas a 606 persoas con servizo de axuda a domicilio. Ademais, os centros cívicos mantiveron a súa programación con 64 das 70 actividades previstas realizadas.
“Quero agradecer o comportamento exemplar dos coruñeses e coruñesas nun momento especialmente complexo que rematou onte a noite despois de 13 horas de incerteza”, dixo Inés Rey, que destacou que esta mesma mañá a Alcaldía púxose en contacto con 38 entidades veciñais da cidade para verificar que a situación estaba a volver á normalidade en todos os barrios da Coruña.

A alcaldesa agradeceu tamén a dedicación e entrega de todo o persoal integrante dos servizos de emerxencias, tanto municipais como doutras administracións: “O traballo da Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, técnicos municipais e Policía Nacional foi impecable desde o primeiro momento para evitar situacións de risco”, dixo.

Os equipos municipais axudáronlles tamén a persoas con mobilidade reducida a volver aos seus domicilios ante a ausencia de ascensores e fixeron un seguimento personalizado das persoas vulnerables en coordinación con Protección Civil e Cruz Vermella.
A maioría dos servizos municipais quedaron restablecidos ao longo da mañá de hoxe. Nas instalacións culturais, todas abertas ao público, só a Escola Municipal de Música e o Quiosco da praza de Ourense seguían sen subministración a primeira hora da mañá. A Escola Municipal de Música recuperou o subministro ás 12.00 horas, e estase a traballar para activar tamen o quiosco.
En canto aos servizos educativos, por orde da Xunta de Galicia mantéñense pechadas no día de hoxe as escolas infantís. En canto aos colexios de Primaria, seguindo as indicacións da Xunta desta mesma mañá, todos están abertos con conserxería e servizos de limpeza traballando.
A rede semafórica quedou totalmente restablecida ao longo da mañá.

A subministración de auga, afectada tamén pola avaría, foise restablecendo paulatinamente. Ás 1.45 da madrugada recuperouse a electricidade para arrincar os grupos de bombeo de Eirís e Monte Alto, o que permitiu que a auga volvese ás vivendas das zonas máis elevadas da cidade. Ás 3.10 horas da madrugada recuperouse a electricidade nas instalacións da Telva, que volveu aos bombeos habituais, se ben durante o apagamento se mantivo a subministración mediante bombeos con grupos electróxenos. Poden darse casos nas partes elevadas da cidade de turbidez da auga durante a xornada de hoxe, turbidez que obedece aos cambios de presión.

Deja un comentario