
O alcalde, Secundino García, denuncia a “falla de información” e a “deixadez de funcións” por parte da Xunta durante o apagón
San Sadurniño padeceu, igual que o resto do Estado, o apagón eléctrico que se produciu ao mediodía de onte. Unha interrupción da subministración eléctrica xeralizada da que aínda non sabemos as causas e da que o país foi recuperándose paulatinamente a medida que foron pasando as horas. De feito, no noso municipio houbo zonas que recuperaron a luz a iso das dez da noite, mentres que en outras houbo que agardar ata cerca das cinco da mañá. Temos quedado sen luz outras veces e durante máis tempo -non hai máis que lembrar o caso do Klaus-, pero nesta ocasión os tempos son outros e nunha sociedade hiperconectada o que máis se notou foi a falta de internet e de comunicacións móbiles, que aínda agora non están totalmente restablecidas. Unha circunstancia que, unida aos bulos que circularon inicialmente, creou certa intranquilidade e moita confusión entre a veciñanza. Tampouco axudou, segundo denuncia o alcalde, “a deixadez de funcións e a falla de información por parte da Xunta de Galicia”, que deixou sen escola e sen transporte ao alumnado do CPI e tamén ás persoas usuarias do Centro de Día, este último aberto para emerxencias e conciliación.
En San Sadurniño o apagón notouse nos servizos administrativos do Concello, que tiveron que interromper o seu traballo pola falta de luz e, en consecuencia, a tramitación de moitos expedientes que hoxe son electrónicos case na súa totalidade. De feito, a pesar de recuperar o abastecemento e de estar funcionando con normalidade desde primeira hora da mañá, no consistorio houbo xestións que non se puideron facer por estar vinculadas cos servidores da Xunta de Galicia que a media mañá aínda non recuperaran a súa operatividade.
O apagón tamén tivo como consecuencia a interrupción da subministración de auga na zona dos Currás e do Cochón, que dependen dun sistema de bombeo, mentres que no resto de zonas o abastecemento público funcionou con normalidade. Tamén está funcionando case ao cento por cento a Escola Infantil Municipal A Rolada. “Onte a Xunta anunciou o que non ía haber escola nos centros educativos nin nas escolas infantís. Nós, decidimos que, non habendo ningún impedimento, a nosa ía abrir. Non podemos deixar ás nais e pais sen unha solución de conciliación porque non haxa luz. O servizo non é igual, posto que non haberá servizo de comedor, pero temos que prestalo igual se podemos”, explicou o alcalde.
Secundino García Casal denuncia a “falta de información” por parte do Goberno da Xunta de Galicia “que debería estar do lado dos concellos para orientar e darnos instrucións pertinentes sobre como proceder desde o momento en que se soubo que a cousa era xeralizada e que ía para tempo”. García Casal asegura que “non houbo ningún contacto por parte da Delegada Territorial nin por parte de ningún servizo autonómico e, de feito, o aviso do 112 chegounos cando se restableceu a luz e as comunicacións, xa de madrugada. O Whatsapp funcionou varias horas, e sen internet nin televisión, a Xunta puido ter utilizado a Radio Galega como o servizo público que é, posto que había moitas persoas agardando noticias pola radio do coche ou da casa”.
O rexedor local critica, ademais, a “deixadez de funcións” e o “seguidismo” dun Executivo Galego “ao servizo dos ditames chegados desde o PP en Madrid, que se limitaron a botar o balón enriba do lousado do Estado”, dixo o rexedor en alusión a que a Xunta solicitou pola noite o paso a Nivel 3 de emerxencias para que fose o Goberno central quen asumise a xestión da situación.
“Ao parecer, a Xunta mandou instrucións aos centros educativos e centros de día indicando que non ían prestarse servizos nin tampouco ía haber transporte. Pero despois o Estado, con moito criterio creo eu, dixo que por conciliación si debían funcionar. E de aí veu todo o follón que houbo esta mañá, con familias e persoal que non sabían que facer. Un despropósito que nos debe facer reflexionar sobre a necesidade de protocolos e medios de comunicación alternativos e fiables ante emerxencias así, que poden repetirse en calquera momento”, pedíu o rexedor.
Á marxe destas incidencias, o corte xeralizado da luz provocou en San Sadurniño que moitos establecementos optasen por pechar. Foi o caso, por exemplo, do supermercado da Cooperativa de Meirás e de algúns bares, mentres que outros negocios botaron man de grupos electróxenos, grandes e pequenos, para seguir coa actividade ou rematar polo menos as tarefas en marcha.
Un deses negocios que funcionou con certa normalidade foi a gasolineira de Cornide, unha das poucas da zona onde se podía repostar e pagar con tarxeta. Durante a tarde mesmo se formaron pequenas caravanas para encher o depósito ou para cargar garrafas coas que alimentar xeradores domésticos e outra maquinaria. “Teño un grupo pequeno, e faima falla para que me traballe a bomba da auga”, comentaba un veciño de Naraío que levaba varios litros de gasolina.
Porén, canda el tamén había quen aprovisionaba para varios días enchendo grandes bidóns, quizais por medo a un desabastecemento xeralizado… que moitas veces se produce, precisamente, por facer acopios irracionais de bens básicos, como é o combustible.
A iso contribuíron os bulos que saltaron no primeiro momento: que fora un ataque informático, un accidente de aviación contra unha central francesa, que media Europa quedara sen luz, e outras cousas que, andando o tempo, foi sabéndose que eran falsas, desmentidas a través principalmente da radio, auténtica raíña informativa da tarde noite de onte. Neste sentido, o ocorrido déixanos varias ensinanzas que deberiamos aprender e ter interiorizadas por se volve pasar:
Non atender a informaciós de dubidosa procedencia, que sementan aínda máis confusión. Acudir sempre ás canles de comunicación oficiais -webs institucionais, redes sociais verificadas de organismos públicos- e aos medios coñecidos e reputados (RTVE, TVG, RNE, RAG, xornais, etc.)
En casos coma o de onte, non chamar ao 112 a menos que sexa estritamente necesario. Tampouco chamar ás empresas subministradoras, xa que o restablecemento do servizo depende de Red Eléctrica Española, encargada dunha reactivación paulatina e segura do abastecemento (non se podía facer de golpe)
En crises así, caracterizadas pola falla de subministro eléctrico, o móbil debe usarse con responsabilidade para non sobrecargar as centraliña.
Se volve haber un apagón xeral, débense limitar os desprazamentos por estrada, especialmente en tramos regulados por semáforos.
Nunca hai que deixarse levar polo alarmismo e o medo irracional. Temos quedado sen luz noutras ocasións (lembrade o Klaus) e neste caso foron pouco máis de quince horas e nalgúns lugares o corte non chegou a dez horas.
E o último: se se vai a luz e vén unha noite clara coma o de onte, aproveitade para mirar arriba e gozar da vista tan espectacular que ofreceu o firmamento, tapado habitualmente pola contaminación lumínica. Vale moito a pena.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.