Wednesday 30 de April de 2025

Carballo organiza a xornada “Vivan as do meu lugar”, un encontro para poñer en valor as agrupacións de música tradicional


A cita será o sábado 3 de maio no Pazo da Cultura e remata co concerto Canta miña compañeira, coa actuación de asociacións de cantareiras do municipio

O Programa das Letras está dedicado este 2025 á poesía popular oral, por iso as cantareiras de Carballo non podían deixar de ter un protagonismo especial. Así, o Concello, co afán de darlle o seu espazo ás agrupacións municipais, estivo mantendo desde principios de ano xuntanzas con elas para que participasen tamén na organización do programa, o que dou o seu froito coa organización de distintas actividades. De aí nace a xornada “Vivan as do meu lugar”, un encontro para poñer en valor o papel das asociacións e agrupacións de música tradicional de Carballo e de Bergantiños na conservación do patrimonio musical e oral.

Bergantiños ten a sona de cantar e bailar ben, de ter grandes tocadoras transmisoras da tradición oral deste lugar moi rico en coplas, toques e bailes. E na difusión e preservación deste valioso repertorio, as asociacións teñen un papel fundamental, creando desde hai moitos anos espazos de encontro interxeracional onde vivir a cultura en comunidade. Esta xornada pretende poñer no centro ese traballo colectivo, xuntándonos para compartir e debater entre nós o presente e o futuro da nosa música tradicional. A cita é o sábado 3 de maio no Pazo da Cultura en horario de 11.00 a 19.30 horas. Para participar só é necesario realizar unha inscrición previa no enderezo electrónico <vivanasdomeulugar@gmail.com>.

O programa sería o seguinte:

11.00 h. | UN NOVO MAPA | Encontro de artistas. Con Alana, Mercedes Peón, Su Garrido Pombo e De Ninghures.
Neste encontro de artistas, escoitaremos de primeira man a experiencia de catro propostas musicais actuais que crean desde os códigos, os xeitos e os saberes da nosa tradición oral. A bagaxe creativa e experimental de Mercedes Peón, a frescura folk de De Ninghures, o pop electrónico de Alana e a potencia da palabra de Su Garrido Pombo, na transmisión do patrimonio musical galego desde catro olladas distintas e complementarias. Moderará a conversa Ana Díez, comunicadora e xestora cultural na Seara.

13.00 h. | VERMÚ CON LIBROS | Presentacións do libro Somos Pandeireteiras e da colección Chave Mestra de aCentral Folque.

Dunha xornada organizada en Carballo no 2021 xorde a primeira publicación, unha historia dunha serie de mulleres que, coa pandeireta na man, eran libres. A partir do recoñecemento desa liberdade, naceu o proxecto Somos pandeireteiras, o lugar onde a centralidade estaría ocupada por un pronome feminino plural: nosoutras. Este libro é unha consecuencia dese proxecto de pensamento e articulación social e cultural impulsado pola sororidade e promovido pola investigadora, pandeireteira e compositora Mercedes Peón. Nas súas páxinas, seis mulleres galegas contemporáneas (Ana Romaní, María Reimóndez, Andrea Nunes, Susana Sanches Arins, Mercedes Peón e Selina Otero) recollen o testemuño desde a súa propia palabra.

A colección Chave Mestra, premio Follas Novas 2022 e que conta hoxe con 21 volumes editados, selecciona as gravacións mais singulares dos intérpretes máis sobresaíntes da tradición musical galega de transmisión oral. Son libros desenvolvidos con ampla documentación gráfica, fotografías, partituras e gravacións orixinais, nos que se recollen estudos inéditos dunha coidada nómina de autoras entre as que se atopan Dorothé Schubarth, Antón Santamarina, Xulia Feixóo, Beatriz Busto, Gustav Henningsen ou Sergio de la Ossa, entre outras. Destacan na súa colección os volumes adicados ás Pandeireteiras de Mens, ás Mulleres de Gharghamala, a Concha do Canizo, a Maruxa das Cortellas ou, o máis recente, ás Tocadoras do Val do Dubra.

16.00 h. | A IMPORTANCIA DAS ASOCIACIÓNS LOCAIS NA PRESERVACIÓN DO REPERTORIO TRADICIONAL DE CARBALLO E COMARCA
Mesa redonda con representantes das asociacións locais Arume de Verdillo, Nemeth, San Campio de Cances, Escola do Alprende e Coro Aires de Bergantiños. Modera a conversa a pandeireteira carballesa Hadri Felpete.

18.00 h. | QUE FAS O DOMINGO? NOVOS XEITOS DE COMPILAR E DIFUNDIR A MÚSICA DE TRADICIÓN ORAL | Palestra a cargo do compilador Miguel B. Lesta.
Nesta conversa, este mozo compilador falará sobre todo o que aprendeu e viviu facendo traballo de campo no concello de Carballo e arredores. Ademais, compartirá con nós a súa experiencia na difusión deste traballo compilado desde os códigos das novas canles de comunicación.

Miguel B. Lesta iniciouse na música tradicional no ano 2014 da man das Pandeireteiras de Urdilde e da Agrupación Folclórica de Brión. No 2016 entrou en Cantigas e Agarimos, desde onde comezou a percorrer o país en busca de cantares, historias, puntos e toques de pandeireta. Nestes anos, explorou xunto aos seus compañeiros non só as catro provincias galegas, se non tamén outros territorios como Asturias, León, Salamanca ou Portugal. É nestas viaxes onde verdadeiramente aprenderon a tradición, a música, o baile e o xeito de vida.

Esta xornada dedicada á tradición oral remata co Concerto CANTA, MIÑA COMPAÑEIRA, titulado coma o verso dunha cantiga que lle da nome a todo o Programa das Letras de Carballo. Nel poderemos desfrutar do bo facer das Cantareiras de Arume de Verdillo, das Cantareiras de Nemeth, das Cantareiras de San Campio de Cances, das Cantareiras do Candil e de As Tocadoras do Alprende. A cita é ás 20.00 horas no Pazo da Cultura con entrada libre ata completar capacidade.

Deja un comentario