
A programación do primeiro semestre de 2025 ofrece cursos de loxística, capacitación dixital e hostalaría, con prazas limitadas e inscricións abertas a través do Servizo Municipal de Emprego
O Concello da Coruña continúa a reforzar as políticas de apoio á empregabilidade cunha ampla programación de accións formativas para primeiro semestre de 2025, que se desenvolverán en distintos barrios da cidade. Esta iniciativa enmárcase dentro do compromiso do Goberno de Inés Rey de fomentar o acceso á formación de calidade como ferramenta clave para a inserción laboral.
Tal e como sinalou a concelleira de Emprego, Comercio, Mercados e Hostalería, Diana Cabanas, “apostamos por unha formación de proximidade, adaptada ás necesidades reais do mercado de traballo, para que as persoas melloren as súas competencias profesionais e incrementen as súas oportunidades de acceso a un emprego digno”.
Dentro desta ampla oferta, destacan os cursos de manipulación de carga con carretillas elevadoras, cunha duración de 50 horas, nos que o alumnado adquirirá coñecementos de prevención de riscos laborais e realizará prácticas con distintos modelos de carretillas. Haberá dúas edicións, en horario de mañá e de tarde, na Lonxa da Coruña, con 15 prazas dispoñibles en cada curso.
Tamén se ofertan cursos de capacitación dixital básica, de 30 horas, orientados á mellora das competencias informáticas básicas e á procura de emprego en internet e redes sociais. Estes cursos, que inclúen tamén asesoramento para a elaboración ou mellora do currículo, realizaranse no Centro Veciñal do Birloque, con catro edicións de 15 prazas cada unha.
No marco do Programa Éfeso Coruña, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus, arrancarán formacións específicas no sector da hostalaría: en xuño comezará o curso de Operacións básicas de restaurante e bar (305 horas) e en setembro o de Operacións básicas de cociña (365 horas).
Estes cursos, que se impartirán na Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro, incluirán prácticas non laborais en empresas e contarán cun acompañamento personalizado na busca de emprego.
A programación complétase con accións formativas en atención sociosanitaria, márketing dixital, competencias clave e preparación para o emprego, destinadas a persoas desempregadas ou en situación de mellora de emprego.
As prazas son limitadas e a inscrición permanece aberta a través do Servizo Municipal de Emprego. Toda a programación pode consultarse tamén nos centros cívicos municipais.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.