
Suspéndese a actividade nas escolas infantís. Os equipos de emerxencias seguirán en alerta mentres non se restableza o subministro
O gabinete de crise creado polo Goberno municipal para afrontar as consecuencias da falla de subministro eléctrico na cidade reunise esta noite para avaliar a situación xerada na cidade por mor do corte de subministro eléctrico. Seguindo a decisión anunciada pola Xunta de suspender as clases en centros educativos, o Concello non abrirá a súa rede de escolas infantís. Con todo, indicou a alcaldesa, Inés Rey, manterase aberta a rede de centros cívicos aínda que sen as actividades programadas así como o comedor social do centro Novoboandanza e o centro de atención continuada de Labañou.
A Policía Local seguirá dobrando o turno e todos os servizos de emerxencias, Bombeiros e Protección Civil, seguirán en alerta para atender calquera eventualidade. Pola súa banda, María Rivas, subdelegada do Goberno, avanzou que a Policía Nacional triplicará os seus efectivos na rúa durante esta noite para garantir a seguridade. Durante a xornada de hoxe non tivo lugar ningún incidente reseñable, tampouco en materia de tráfico. A Policía Local controla os principais cruces da cidade ante a ausencia de regulación semafórica.
Durante a xornada de hoxe os servizos municipais axudaron a liberar a cerca de 90 persoas pechadas en ascensores. Ademais, colaboraron tamén para levar ás súas casas a máis de 30 persoas con mobilidade reducida.
Desde o Concello solicitan aos cidadáns evitar os desprazamentos innecesarios en vehículos privados e empregar o transporte público que seguirá a funcionar con normalidade. Ademais, pídese tamén non tirar o lixo polas limitacións na recollida e moderar o consumo de auga para evitar faltas de subministro, que se se están a producir nas zonas máis elevadas da cidade polos problemas cos bombeos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.