Friday 22 de November de 2024

A Xunta colabora para atender as necesidades nutricionais da poboación atrapada no campo de al Yarmouk e nas comunidades de Yalda e Babbilia no sur de Damasco, Siria


O obxectivo é atender as necesidades básicas, coa provisión dun lote de alimentos e leite infantil para 2.000 persoas, que conta cun orzamento de 11.061 euros

A Xunta de Galicia colabora, a través da súa Vicepresidencia, mediante a ONGD Farmamundi, para atender as necesidades nutricionais da poboación atrapada no campo de Al Yarmouk e nas comunidades de Yalda e Babbilia no sur de Damasco, coa provisión dun lote de alimentos e leite infantil para 2.000 persoas, que conta cun orzamento de 11.061 euros

Dende o ano 2009 ata agora asináronse oito convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi, primeiro a través da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG) e, dende a súa extinción, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifones Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria.

No III Plan Director da Cooperación Galega, aprobado polo Consello da Xunta e polo Parlamento galego, identifícase a acción humanitaria e de emerxencia como unha prioridade sectorial dentro da cooperación e establécese a necesidade de promover a presenza da cooperación galega na acción multilateral.