
A alcaldesa supervisou o resultados duns traballos que supuxeron un investimento de 430.000 euros
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, supervisou o remate dos traballos de mellora do campo de fútbol municipal Víctor Fernández Alonso, coñecido popularmente como a Leyma. O Goberno municipal deseñou esta actuación atendendo as peticións da Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC), executando obras cun orzamento de 430.000 euros.
“Amosamos unha vez máis o noso compromiso co deporte local e cos clubs de fútbol afeccionado da Coruña ao levar a cabo unha obra moi demandada polo tecido futbolístico coruñés, que se suma a outras xa executadas na Torre ou Eirís”, apuntou Inés Rey durante a visita. O estado do terreo de xogo existente anteriormente dificultaba a adecuada práctica do fútbol, polo que se decidiu levar a cabo unha actuación integral.
Os traballos supuxeron a mellora xeral desta instalación deportiva ao aire libre, onde xa foi renovado con anterioridade o sistema de iluminación, pasando a ser de tecnoloxía led de baixo consumo, reducindo á metade o gasto enerxético e mellorando a iluminación. Nesta ocasión, a actuación consistiu na renovación do céspede artificial e do peche perimetral. A superficie de xogo pasa a ser un céspede artificial de última xeración, de 40 milímetros de altura con recheo de area e caucho colocado sobre unha base elástica. Tamén se substituíron as porterías de fútbol 11 e fútbol 7, así como as marquesiñas dos bancos. Aproveitando a actuación, creouse unha nova zona de adestramento e quecemento en céspede artificial tras a zona de grada. Ademais, tamén se remodelou a rede de rego existente actualmente, que pasa a incorporar un programador automático. A auga da chuvia e rego recollerase no depósito da instalación para a súa reutilización para o rego, co conseguinte aforro do consumo de auga da rede.
Outra das medidas destacadas é a intervención nos espazos de paso ao edificio dos vestiarios, onde se renovou o firme. A maiores, construíuse unha rampla de acceso á zona de entrada ás bancadas, o que lles facilitará o acceso ás persoas con mobilidade reducida. Por outra banda, o Concello saneou o muro perimetral do campo, e renováronse tanto o balado sur como as redes perimetrais que evitan a saída de balóns aos espazos exteriores do campo.
Con esta actuación, o Goberno de Inés Rey continúa a desenvolver o plan de mellora das instalacións deportivas municipais. Nese sentido, xa está en fase de elaboración e consulta o Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos, co que se busca adecuar e mellorar os espazos deportivos de titularidade municipal e establecer unha folla de ruta que determine as futuras necesidades da cidade neste eido.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.