Tuesday 29 de April de 2025

Máis de 250 nenos e nenas participarán na terceira edición do Torneo de Fútbol 11 sub 12 da ED Vedra-Boqueixón


Os alcaldes de Boqueixón e Vedra presentaron este torneo, que reunirá a doce equipos das comarcas de Santiago, Deza, Tabeirós e Ourense o sábado 17 de maio

Os alcaldes de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e Vedra, Carlos Martínez, veñen de presentar a terceira edición do Torneo de Fútbol 11 Sub 12, que se disputará o sábado 17 de maio nos campos municipais de O Coto e Manuel Silva (Vedra) e O Forte (Boqueixón). Un torneo organizado pola Escola Deportiva Vedra-Boqueixón e na que tomarán parte un total de doce equipos das comarcas de Santiago, Deza, Tabeirós-Terra de Montes e Ourense.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, puxo en valor esta iniciativa deportiva pois “a través do fútbol base estamos transmitindo uns valores humanos e sociais fundamentais aos nosos nenos e nenas que favorecerán o seu desenvolvemento non so como deportistas, senón como persoas. Valores como o respecto, a solidariedade, a axuda mutua, a disciplina, a boa alimentación, o traballo en equipo..”.

Un punto no que incidiu o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, quen felicitou á ED Vedra-Boqueixón polo seu labor: “como sempre, apostamos pola formación e a educación. Hai quen pensa que os seus fillos van ser os próximos Messi e Cristiano, cando a realidade é que o fútbol debe ser como a escola e axudar a que os nosos nenos e nenas medren e se formen como persoas”.

Formato do torneo

O III Torneo de Fútbol 11 Sub 12 terá lugar o sábado 17 de maio de 2025 nos campos municipais de O Coto e Manuel Silva (Vedra) e O Forte (Boqueixón). Nel tomarán parte máis de 250 nenos e nenas de doce equipos: Amio SD, CD Conxo Santiago, SD Compostela, Victoria FC e SD Villestreo (Santiago), SD Touro (Touro), SD Cacheiras (Teo), Escola de Fútbol Silleda (Silleda), Escola de Fútbol Lalín (Lalín), Escola Estrada de Fútbol (A Estrada), Ourense CF (Ourense) e os locais da Escola Deportiva Vedra-Boqueixón.

O torneo desenvolverase en dúas partes: unha fase previa en formato liguiña a un partido e logo unha fase final en formato eliminatoria a partido único. Todos os partidos terán unha duración de 35 minutos, coa excepción da gran final que contará con dúas partes de 25 minutos cada unha e con 10 minutos de descanso. Para a liguiña estableceranse tres grupos de catro equipos que xogarán entre eles durante a mañá, cada grupo nun dos tres campos municipais habilitados para o torneo.

Todos os equipos clasificaranse para a fase final, á que pasarán como primeiro, segundo, terceiro ou cuarto do seu grupo. Pola tarde, xogarán polos postos 1º a 12º en formato eliminatoria a partido único. Deste xeito, garántese que todos os conxuntos xogarán como mínimo 3 partidos durante a mañá e outros 2 encontros pola tarde.

O III Torneo de Fútbol 11 Sub 12 está organizado pola Escola Deportiva Vedra-Boqueixón, en colaboración cos concellos de Vedra e Boqueixón. Así mesmo, conta co apoio e patrocinio da Real Federación Galega de Fútbol, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, do Plan Galego para o Fomento da Actividade Física “Galicia Saudable”, da Fundación Deporte Galego, da campaña “Non á violencia de Xénero” e das empresas Ferroglobe Ramsa e Ulla Oil SL.

Deja un comentario