
O Concello de Ribeira viviu na xornada de onte un momento de grande emoción e orgullo coa recepción oficial ás deportistas alevinas do Club de Remo, recentemente proclamadas campioas galegas e sextas clasificadas a nivel estatal no campionato celebrado na localidade cántabra de Castro Urdiales.
A comitiva organizouse na entrada de Ribeira, nas Saíñas, para logo facer unha pitada de coches até Aguiño. A comitiva parou na estatua do mariñeiro para sacar unha foto de familia e ovacionar ás campioas. As mozas sentiron a calor dos seus adestradores, familiares e veciñanza.
Nesa parada o adestrador Suso Silva deulle unhas palabras de afecto e recoñecemento polo seu traballo de entrega e polos excelentes resultados acadados, que poñen de relevo o nivel do deporte de base en Ribeira. Tamén estiveron no acto o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, e o alcalde, Luís Pérez Barral, quen destacou o mérito do conseguido polas mozas do Club de Remo Ribeira, facendo fincapé no valor que ten para a cidade contar cunha canteira de deportistas que, malia a súa xuventude, xa son exemplo de éxito. “Queremos trasladarvos o cariño de todo o pobo de Ribeira. Sentímonos profundamente orgullosos do voso logro e da imaxe tan positiva que estades a dar da nosa cidade. Estes triunfos son froito do voso esforzo, seguide así e moitos parabéns”, afirmou o rexedor.
Pérez Barral tamén quixo agradecer o traballo do Club de Remo e das familias, “pola súa dedicación e polo apoio que brindan ás mozas e mozos que practican este deporte”. O alcalde subliñou que “o éxito destas mozas é tamén un exemplo para toda a mocidade de Ribeira, un reflexo de que, con traballo e ilusión, se poden acadar metas moi altas”.
O acto rematou cunha grande ovación para estas novas campioas, que xa son un orgullo para toda Ribeira.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.