Tuesday 29 de April de 2025

As Roteiras Cantareiras botan a andar en Ribeira con gran éxito de acollida


Esta fin de semana deu comezo en Ribeira o proxecto “As Roteiras Cantareiras”, unha iniciativa da concellería de Cultura para homenaxear ás cantareiras locais no marco do Día das Letras Galegas 2025. O primeiro roteiro, celebrado en Palmeira coa participación dos grupos Bailadela e Sete Linguas de Aguiño e Ribeira, foi todo un éxito e contou cunha magnífica acollida por parte do público.
A concelleira de Cultura, Antía Alberte, amosouse moi satisfeita coa resposta da veciñanza: “Foi emocionante ver como a música tradicional e o espírito das cantareiras encheron as rúas e prazas de vida e alegría. A participación da xente foi moi boa e demostra que en Ribeira hai un gran amor pola nosa cultura popular.” Alberte tamén destacou que “isto é só o comezo dunha primavera chea de música e tradición, na que queremos que todo o municipio viva e celebre o noso patrimonio oral.”
“As Roteiras Cantareiras” continuarán percorrendo diferentes parroquias de Ribeira durante as vindeiras semanas, espallando o legado das cantareiras e fortalecendo o vínculo coa nosa tradición e fomentando o uso da lingua galega.

Deja un comentario