Tuesday 29 de April de 2025

O BNG de Oleiros pedirá no pleno de abril maior colaboración metropolitana cos Concellos da Comarca, nomeadamente cos limítrofes en materias tan mellorábeis como Mobilidade


Entendemos dende o BNG que a colaboración entre os diferentes Concellos da área metropolitana da Coruña debe ser precisamente dende unha perspectiva metropolitana, continuada, transversal e común, máis que convenios de colaboración bilaterais pontuais, porén son coñecidas as eivas e limitacións que dende o Consorcio existen. Entre o Concello da Coruña e o de Arteixo asinouse un Convenio de colaboración onde destaca a materia da mobilidade, unha das grandes eivas e problemas de Oleiros. De entrada achamos tamén necesaria unha coordinación constante entre os Concellos limítrofes de Oleiros e Coruña, sexa cal sexa a vía, así poderíase por exemplo a evitar os problemas xurdidos coa liña 1A, a non inclusión en “Coruña marítima” do transporte marítimo, iniciativa de lustros do BNG, evitando recursos como o que agora interpón Oleiros contra esa non inclusión. Tamén se beneficiarían outras iniciativas en materia de mobilidade entre Oleiros e Coruña, como a aplicación dos sistemas de préstamos de bicicletas, cando Oleiros teña a ben por en marcha este servizo e deixe de ficar atrás nesta materia. A realidade é que entre Oleiros e a Coruña existe unha unión fáctica e real da cidadanía, e isto debe ficar asumido polas Administracións.

Pedimos pois ao Concello que considere a regulación coordinada coa Coruña e resto de Concellos da área.
Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía, entre elas:
Sistema público de aluguer de bicicletas para cando?
“ Un xeito de favorecer o uso da bicicleta para os desprazamentos é o establecemento dun sistema público de aluguer de bicicletas. Trátase dun sistema instalado en multitude de cidades como a cidade de

A Coruña (bici Coruña) e que en xeral ten resultados positivos no reparto modal en favor da bicicleta. Este sistema, como complemento ao resto de medidas de fomento da bicicleta, permite un maior achegamento a aquelas persoas que non o usan habitualmente. Facilitar e fomentar o uso da bicicleta entre os principais núcleos urbanos e ca cidade de A Coruña. Estudo: 5.000 €. Implantación: 200.000 €. “. “Rede de aparcadoiros de bicicletas”.
Este texto ven integra e literalmente no PMUS, fálase dun obxectivo a medio longo prazo. Preguntaremos ao Concello que pasos se están a dar nesta necesaria iniciativa.

Servizo de socorrismo, duchas e cobro por estacionamento coincidentes no tempo

O servizo de socorrismo préstase do 15 de xuño ao 15 de setembro, a apertura das duchas non nos consta cando se fai efectiva, achamos este ano, ao contrario que os anteriores, seguen en funcionamento sen interrupcións dende o ano pasado. A ORA comezara a cobrarse o día 1 de xuño, día no que non existe nin socorrismo nin existía auga nas duchas outros anos. Pediremos ao Concello que o servizo de duchas traballe todo o ano conforme o arriba exposto e cando menos que servizo de socorrismo, duchas e cobro por estacionamento coincidan no tempo.

Campañas e medidas destinadas a erradicar o lixo, nomeadamente antes do verán

En determinados lugares, máis ou menos afastados e concorridos por certos sectores da populación, a cidadanía quéixase da abundancia de lixo (cabichas, envases de plástico, garrafas…). Cómpre lembrar que moitas desas persoas que luxan o Concello non son veciñas de Oleiros (outras si), polo que dende o BNG acreditamos na necesidade de campañas e medidas destinadas a erradicar o máximo posíbel esta lacra, especialmente nas épocas estivais, cunha gran cantidade de visitantes e na que as veciñas tamén facemos máis vida nas rúas e parques. Esas campañas e medidas deben ser realizadas para que sexan accesíbeis tanto a residentes permanentes como a residentes ocasionais ou visitantes.
Pediremos ao Concello que considere a necesidade de campañas e medidas destinadas a erradicar o máximo posíbel esta lacra, agora é xusto momento.

Ponto con escasa iluminación en Santa Cruz

Na escaleiras que van da Rúa Adolfo Suárez á Rúa Gutiérrez Mellado, antes da pista de chave, existe unha nula iluminación nocturna. Os dous puntos de luz que hai, están situados a varios metros das escaleiras e son tan pésimos que non deitan iluminación suficiente. É un perigo, sobre todo ao baixar. O edificio novo que está pegado fai un ángulo que é un pozo negro.
Solicitaremos ao Concello que examinen este potencial ponto de risco.

Deja un comentario