
A finca da Cortiña, ao pé do paseo fluvial do Xubia, converteuse este domingo nun formigueiro de actividade coa celebración da XXVIII Feira da Plantación de San Sadurniño. O día soleado e as temperaturas agradables animaron a presenza de público desde primeiras horas, facendo desta edición unha das máis concorridas dos últimos anos, por non dicir a que máis. O evento combinou a tradicional venda de planta e produtos agroalimentarios con sorteos, música e outras actividades, que se estenderon desde as 10:00h ata ben pasadas as 20:00h.
Que houbo moita, moitísima xente é algo que se percibiu desde primeiras horas. Pero ademais, para corroboralo, tamén se utilizou unha ferramenta de Intelixencia Artificial que analizou unha fotografía aérea do recinto e dos aparcadoiros próximos. Segundo os datos obtidos dunha imaxe tomada ás 12:30h, arredor de 1.500 persoas percorrían xa os sendeiros da feira e nos espazos de estacionamento -incluída a beira das estradas de Ortigueira e de Pedroso- había preto de 750 vehículos, sen contar aqueles situados nos arredores da Casa do Concello ou do restaurante A Granxa, o que suxire que a cifra total de asistentes foi aínda superior.
A concelleira de Axenda 2030 e Participación, Raquel Piñeiro López, xa se amosaba satisfeita a iso das 13:30h de como estaba marchando a xornada: “A feira está funcionando moi ben, con moitísima xente, diría incluso máis que o ano pasado, e con máis postos”, apuntou, lembrando que nesta edición participaron 73 expositores, fronte aos 62 do ano anterior.
As expositoras e expositores consultados ao longo do día confirmaban o bo ritmo de vendas. Micaela Campanini, de Herbas de Caaveiro e Viveiros Florgalicia (do Camiño Arriba), asegurou que non parara nin un minuto desde as sete da mañá en que chegou para montar o seu posto, ata as 14:00h. “Isto foi unha loucura”, dixo, explicando deseguido que as plantas aromáticas, especialmente a alfábega, foron as máis demandadas, xunto con variedades menos habituais como o eneldo e o estragón. Tamén tivo boa saída a planta ornamental de tipo vivaz, moi apreciada polo público pola súa resistencia e beleza.
José Horjales, da Casa da Planta de Lamas, coincidía na valoración: “a xente empezou a vir desde primeira hora e viñeron máis repartidos. Antes empezábamos a traballar ás once e hoxe viñeron moito antes”, afirmou. Destacou a forte demanda de plantas de tempada de primavera e verán, especialmente aquelas de floración colorida.
No apartado de produtos de horta, Paula Sanjurjo, de Bardaos, sinalaba que moita xente se achegou buscando variedades tradicionais como tomate, pemento, calabacín, xudía e leituga. “Desde as nove da mañá xa había xente buscando cousas”, indicou, subliñando a variedade de produtos que ofreceu este ano para satisfacer a demanda.
Os produtos transformados tamén tiveron un papel destacado nesta feira. Javier Graña, de Queixos Brigantia, valoraba moi positivamente o crecemento do evento: “isto cada vez medra máis en expositores e en xente”. O seu posto de queixos tamén funcionou constantemente durante todo o día, agás durante o parón habitual do mediodía. E por funcionar referímonos non só a probar os petiscos dos distintos queixos que elaboran: “o 90% proba o produto e despois volve e compra”, asegurou.
Pola súa parte, Eloy Fernández Merlán, da panadería Santa Cruz, en Moeche, confirmaba que a Feira da Plantación “foi bastante ben, coma o ano pasado ou mellor incluso”. Entre os produtos que mellor vendeu estiveron o pan de millo, as empanadas de raia e o pan con pasas, que esgotaron existencias xa ao mediodía. “Quedan catro cousas e ao mellor dentro dunha horiña xa nin iso queda”, comentaba a iso das dúas da tarde.
A feira -animada durante todo o día pola música tradicional de Vai Rañala Meu- tamén foi escaparate para proxectos innovadores como Ay Carmen!, da man de Carmen Caínzos, quen promocionaba as súas elaboracións e a actividade do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla. “A mañá foi moi boa e ademais a xente ten moito interese na Fusquenlla”, explicou, anunciando que houbo persoas interesadas en participar nos cursos de capacitación para utilizar as instalacións. Carmen presentou, ademais das conservas, unha nova limoada artesanal con pouca cantidade de azucre que tivo “moi boa resposta por parte da xente maior e da rapazada”.
A presenza do Xeoparque Cabo Ortegal tamén chamou a atención, gracias a un mostrario de rochas exposto no stand municipal e ás explicacións que ofrecía o xeólogo Fran Canosa a cada pouco. interese do público, que se achegou coñecer máis sobre a riqueza xeolóxica do territorio UNESCO.
A Feira da Plantación de San Sadurniño confirmouse, de novo, como unha cita imprescindible e ineludible do calendario de eventos comarcais… e incluso galegos. As razóns: a calidade e diversidade da oferta, o espazo excepcional en que se desenvolve e tamén unha fórmula máis que probada que combina o lecer coa promoción do desenvolvemento local co lecer. E a estas claves do éxito hai que engadirlle na presente edición o bo tempo -veu un día soleado, sen vento e cunha temperatura moi agradable-.
“Segundo nos dixeron os postos, vendeuse moita planta ornamental e moita froiteira, e planta para plantar, xa que estamos no tempo diso. Despois moito queixo e marmelos, etc.”, explicaba ao mediodía a concelleira Raquel Piñeiro López. Xa pola tarde, ao remate do evento, o balance era máis que positivo. “Tivemos xente pola mañá, pero pola tarde tamén houbo un ir e vir constante de visitantes que só se vira nos anos moi bos da Feira Rural de finais de agosto, pero non tanto nesta Feira da Plantación. Os expositores tiveron moi boa feira, estaban moi contentos. E nós tamén o estamos”.
Para a organización da Feira da Plantación, o Concello contou coa colaboración da empresa Vivergal, situada en Santa Mariña do Monte, quen doa todos os anos as plantiñas que se lle regalan ás persoas que acoden ao evento. A feira tamén ten o apoio da área de Turismo da Deputación da Coruña. Desde o Goberno local quérese agradecer o traballo realizado polo persoal municipal e de apoio, así como o labor da Agrupación de Protección Civil de As Pontes na regulación do tráfico e como retén de seguridade ante posibles emerxencias.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.