Tuesday 29 de April de 2025

O BNG esixe taxis adaptados en Culleredo


Na actualidade en Culleredo non hai nengún taxi adaptado para dar servizo a persoas de mobilidade reducida.
A perda deste servizo, que existiu até non hai moito tempo, é unha involución nos dereitos dun grupo de poboación vulnerábel.
Culleredo, dada a súa poboación, a existencia do Aeroporto e os varios polos industriais e comerciais, debería garantir a accesibilidade e a non discriminación neste medio de transporte.

O BNG leva ao Pleno Municipal do vindeiro martes 29, a necesidade a rematar coa inexistencia en Culleredo de taxis adaptados que dean servizo a persoas de mobilidade reducida.

Esta eiva no servizo público está a causar importantes prexuízos a veciños e veciñas de Culleredo. Supón unha dificultade engadida para que estas persoas realicen moitas actividades propias da vida diaria, como ir a un centro médico ou facer a compra.

O dereito á mobilidade en condicións de igualdade está recoñecido tanto pola normativa estatal como autonómica, sendo as administracións públicas responsables de garantir a accesibilidade universal nos servizos de transporte público.

Culleredo supera amplamente os 30.000 habitantes, conta cun nodo de transporte tan importante como é o Aeroporto de Albedro e varios polígonos industriais no seu territorio. Debería cumprir coas obrigas que a lexislación lle impón para garantir a accesibilidade e a non discriminación no acceso e utilización deste medio de transporte ás persoas con mobilidade reducida e/ou en cadeira de rodas.

O BNG de Culleredo demanda o cumprimento destas obrigas no prazo máis breve posíbel. Solicita tamén a elaboración dun plano municipal de accesibildiade no transporte público, en colaboración coas entidades locais que traballan neste eido social.

O voceiro nacionalista Tono Chouciño lembra que “Culleredo xa tivo este servizo até hai non moito tempo. Quizais o Sr. Rioboo nos poida explicar por qué se eliminou. É un retroceso nos dereitos nun grupo de poboación especialmente vulnerábel. Precisamos revertir esta involución e avanzar cara un Culleredo máis accesíbel e máis igualitario”.

Deja un comentario