Tuesday 29 de April de 2025

O Concello acometerá melloras na calzada do núcleo da Silva


A actuación de repavimentación comprende as rúas Silva de Arriba e Benela

O Concello da Coruña adxudicou nos últimos días os traballos de mellora da calzada para dúas rúas do núcleo da Silva. A actuación comprende a totalidade das vías da Silva de Arriba e Benela. Con esta actuación, o Goberno de Inés Rey segue cumprindo os seus compromisos coa cidadanía dos barrios, xa que esta era unha demanda trasladada por veciños e veciñas da contorna ao Concello.

Estas dúas rúas, de un ou de dous sentidos de circulación, teñen anchos que varían de 2,8 a 6 metros e actualmente presentan o firme xa deteriorado, con zonas con vexetación na calzada. A finalidade desta actuación é mellorar as prestacións destes camiños mantendo a disposición actual.

Na rúa Silva de Arriba, que conecta Cances e A Silva coa rúa Alcalde Jaime Hervada, levarase a cabo unha actuación dun total de 400 metros de lonxitude, nos que os anchos da vía varían de 3 a 5,5 metros. A actuación tamén suporá a limpeza das marxes e outras adecuacións.

En canto á rúa Benela, que conecta Silva de Arriba coa avenida de Fisterra, a actuación comprende unha área de 142 metros cuns anchos que oscilan entre os 3 e os 5,5 metros. Levarase a cabo un fresado do conxunto da rúa, axustando elementos da vía e substituíndo outros deteriorados.

O orzamento de esta actuación ascende a 90.000 euros e o prazo de execución será de dous meses. A empresa Excavaciones y Obras Candal será a encargada de realizar os traballos.

Deja un comentario