
O Goberno de Inés Rey atende deste xeito as demandas da cidadanía para as Xubias de Arriba e as rúas Curros Enríquez e Valencia
O Concello da Coruña adxudicou nos últimos días o proxecto para eliminar barreiras arquitectónicas en tres puntos da cidade. Deste xeito, o Goberno de Inés Rey dálle resposta á cidadanía, que pediu actuacións de mellora da accesibilidade nas rúas Curros Enríquez, Valencia e Xubias de Arriba. O orzamento desta actuación, cuxo prazo de execución é de catro meses, é de máis de 237.000 euros.
No caso das Xubias de Arriba, levaranse a cabo melloras de accesibilidade nos pasos de viandantes da contorna do Hospital Marítimo de Oza. Tamén se actuará nos treitos de beirarrúa con ancho accesible insuficiente. Serán un total de cinco intervencións nesta rúa, atendendo a peticións dos veciños e veciñas, así como das persoas usuarias do dito hospital.
No caso da rúa Curros Enríquez dotarase dunha rampla de acceso no lateral do edificio do centro veciñal, que alberga diferentes actividades ao longo do ano e dispón dunha biblioteca de uso público. Para priorizar o tránsito peonil entre este edificio e o campo de Marte, farase un paso elevado de viandantes elevado na rúa Curros Enríquez, co que se mellorará deste xeito a accesibilidade.
Por último, tamén no barrio de Monte Alto, executaranse traballos de reurbanización na rúa Valencia ante os graves problemas de accesibilidade que existen nesta vía, sobre todo debido ao ancho das beirarrúas, insuficiente na actualidade. Actuarase no conxunto da rúa entre Faro e San Antonio: ampliaranse as beirarrúas, executarase unha nova rede de augas pluviais e renovarase a calzada.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.