Tuesday 29 de April de 2025

O Colexio Galaxia acada a terceira posición para Ribeira na final do Club de Debate en Vilagarcía.


• Os Galácticos de Ribeira viñan de gañar a semifinal celebrada en Ribeira o pasado mes de febreiro

• Na final celebrada este sábado no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, coa participación de oito equipos de diferentes institutos galegos. • O IES Terra de Xallas consegue manter un primeiro premio que xa gañara na edición do ano anterior.

• En segundo lugar quedou o equipo dos Filipenses, do CPR Sagrada Familia, de Vilagarcía de Arousa.

Máis de medio cento de mozos e mozas dos seis equipos gañadores da fase clasificatoria amosaron a súa habilidade coas palabras durante a xornada final do Club de Debate Alingua 2024, celebrada no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa. Entre as 10:00 e as 18:45 horas deste sábado 26 de abril, os máis habilidosos oradores e oradoras dos centros educativos galegos, enfrontaron argumentos.
Nesta ocasión, o tema elixido para a final foi o seguinte: “A chegada de persoas procedentes de fóra de Galicia é unha oportunidade para o galego”. Así, e durante toda a xornada, cada equipo participante debateu en dúas quendas, debendo adoptar en cada quenda unha das opcións: “a favor” e “en contra” da tese proposta. Un xurado integrado por cinco profesionais de diversas áreas relacionadas puntuou as intervencións dos equipos.

Enxeño, capacidade de argumentación e moito compañeirismo. O alumnado que este sábado ateigou o Auditorio demostrou que a competitividade non exclúe valores de respecto e empatía e así se viu no bo ambiente todo o día entre os participantes de diferentes institutos galegos. Hai que recordar que o Club de Debate Alingua inclúe en todas as súas xornadas, e alén dos enfrontamentos no escenario, tempo para dinámicas de interacción onde os mozos e mozas dos diversos centros educativos poden mesturarse e compartir actividades guiadas polo monitorado.

O xurado, integrado por expertos no eido da comunicación e da lingua (Paula Cantelar, xornalista; Rocío Loureiro, filóloga; Luz Zas, profesora de lingüística da USC; Carlos Vieito, experto en comunicación política e dixital e Gabino Vázquez, membro do seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega), subliñou o esforzo e a intensa preparación previa demostrada por todos os
equipos, poñéndolles especialmente difícil a decisión, nunha igualadísima final que enfrontaba os oito equipos xa gañadores das súas respectivas fases previas e que se resolveu con axustadas diferencias na puntuación.

Os dous primeiros, IES Terra de Xallas (Santa Comba) e o CPR Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa), serán así os equipos que gozarán do premio adicional dunha viaxe multiaventura dunha fin de semana, con contidos culturais relacionados cos obxectivos da actividade.

Pola outra banda o Cpr. Plurilingüe Galaxia conseguiu para Ribeira un máis que honroso terceiro posto, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, presente na final, mostrouse máis que satisfeita por este terceiro posto despois de gañar en Ribeira a fase de clasificación para esta final en Ribeira o pasado 26 de febreiro. Rivadulla sinalou que “Os Galácticos de Ribeira deixaron o listón moi alto, foi unha experiencia fantástica para os mozos e mozas onde aprenderon a debater, a defender as súas posturas e incluso a defender argumentacións que non compartían”, a concelleira doulle os parabéns a todo o equipo e docentes do Colexio Galaxia de Ribeira.

Club de Debate Alingua

O Club de Debate é un programa cooperativo no que participan varios concellos galegos, e que promove e valora o uso oral do galego, o espírito crítico, a tolerancia e o traballo en equipo na mocidade. Trátase dunha actividade dirixida a mellorar as destrezas orais da mocidade en contextos formais e informais, fomentar a investigación e a reflexión e o debate sobre temas de actualidade. A iniciativa está promovida pola Asociación de Entidades pola Lingua Galega (Alingua), e na súa edición 2025 está apoiada polos concellos de Carballo, Dodro, Ferrol, Narón, Pontedeume, Pontevedra, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa.
A finais do pasado mes de febreiro e durante catro días, celebrouse a fase clasificatoria nos auditorios municipais de Narón e Ribeira. Os oito equipos gañadores debateron daquela intensamente arredor do tema “A masificación turística é un problema en Galicia”.

Máis sobre o Club de Debate Alingua

A iniciativa diríxese ao alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes. Os equipos están formados por grupos mixtos (entre 4 e 10 membros) e conta cun/ha profesor/a que se encarga de adestrar, asesorar e representar o equipo.
A rapazada que debate neste certame debe agudizar o enxeño para buscar todas as argumentacións posibles para reforzar as ideas, o que tamén facilita a capacidade de análise e de interpretación da realidade e sempre coa axuda do profesorado que prepara os equipos.
Nas semanas previas á competición, todos os equipos de cada zona asisten conxuntamente a sesións formativas para familiarizarse co desenvolvemento dos debates e na que reciben asesoramento sobre técnicas de comunicación oral e argumentación.

O Club de Debate Alingua promove a creación de espazos de socialización e convivencia para activar a lingua a través do conxunto de actividades propostas: as xornadas de formación e as intensas xornadas de debate, inclúen tempo para o lecer con actividades de convivencia entre o alumnado participante.
Os equipos gañadores das fases de zona e da final obteñen premios cos que acceden a contidos culturais ou a experiencias de convivencia e animación lingüística.

Deja un comentario