Un centenar de responsables de blogs de moda reuníronse esta mañá no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura con motivo da exposición ‘Con-fío en Galicia’, inaugurada onte e que se poderá visitar de balde ata o 11 de setembro
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou no Encontro de Blogs de Moda que acolleu a Cidade da Cultura con motivo da exposición ‘Con-fío en Galicia’ a importancia das novas linguaxes e formas de comunicación no desenvolvemento do sector téxtil-moda galego e na consolidación da ‘marca Galicia’. Neste encontro, ao que asistiron un centenar de responsables de blogs especializados en moda, o conselleiro convidou aos participantes a converterse en ‘embaixadores da moda galega’ nos espazos virtuais que xestionan, e destacou a súa capacidade prescriptora, a súa relevancia na creación de tendencias e a súa forza para humanizar as marcas e achegarse a diferentes públicos.
Os asistentes tiveron ocasión de escoitar a María Barros, un dos nomes de referencia do deseño de moda en Galicia, nunha charla nas que desvelou as claves do proceso creativo dos deseñadores. A longo do día, as participantes rodarán un fashion film no que mostrarán diferentes pezas de deseñadores galegos e que posteriormente se empregará como produto de promoción nas redes sociais.
A xornada completarase cunha visita á mostra ‘Con-fío en Galicia’, exposición que foi inaugurada o venres, que estará aberta ata o 11 de setembro, unha mostra que converte o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura nunha pasarela de moda na que homenaxear un sector que conseguiu situar Galicia nun lugar de referencia no panorama internacional: o téxtil.
Trescentas pezas
Ao longo de 300 pezas, ‘Con-Fío en Galicia’ ofrece un percorrido por un sector estratéxico, constituído por 300 empresas que dan emprego a unhas 13.000 persoas e que representan o 6,5% da riqueza da comunidade. Uns 100 looks singulares da moda feita en Galicia, reinterpretacións contemporáneas de indumentarias históricas, valiosas coleccións privadas e unha escolma de material fotográfico e audiovisual guían ao visitante polos fitos máis destacados da nosa historia téxtil.
Comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, a mostra pon o foco en momentos claves do noso téxtil: a eclosión que se viviu nos anos 80 en Galicia e o fenómeno Inditex. Xunto a eles, a exposición do Museo Centro Gaiás pon o foco sobre deseñadores contemporáneos como Eva Soto ou José Castro, e sobre novos nomes como Amai Rodríguez Coladas, Elena Rial ou Jorge Vázquez, e marcas que están a despuntar por buscar na moda galega novas señas de identidade: D-Dúe, Knitbrary e Latitude, LaCanalla…
A moda galega a través de Picasso ou Sorolla
A nova mostra da Cidade da Cultura ofrece como complemento unha introdución histórica, desde a Prehistoria ata a actualidade, coa que o visitante poderá ver a evolución do noso vestir a través de indumentaria de civil, de diario, de festexo e vestimenta tradicional.
Este percorrido histórico céntrase tamén na evolución do propio sector: desde o inicio da produción do liño ata a creación dunha rede de tecedoras no rural galego ou as primeiras industrias téxtiles como a empresa de máquinas de coser Refrey ou a Camisería Regojo de Redondela, que chegou a contar nos 60 con Dalí como imaxe das súas prendas.
Reconstrucións con novos deseñadores
‘Con-Fío en Galicia’ ofrécelle, así mesmo, ao visitante reconstrucións históricas das vestimentas de personaxes tan destacados na Historia de Galicia como a raíña Berenguela e o rei Alfonso IX por parte da creadora galega Arantza Vilas, do londinense Pinaki Studio, responsable do vestiario de proxectos televisivos tan coñecidos como Xogo de Tronos, Os Mosqueteiros ou películas como A pantásma da ópera.
Xunto a elas, ‘Con-Fío en Galicia’ conta coas fantasías históricas realizadas polos alumnos da Escola de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (ESDEMGA) e da EASD Mestre Mateo que, inspirados en pinturas renacentistas, medievais e do século XVIII, ofrecen versións contemporáneas dos nosos antepasados.
A exposición ‘Con-fío en Galicia’ conta co patrocinio do Fondo Gaiás da Empresa Galega, integrado polas empresas da antiga Fundación privada Gaiás, e ademais suma como colaboradores a Viaqua e a D.O. Ribeiro. Ademais, participaron nela unha importante nómina de colaboradores entre os que se atopan Manuel Rodríguez Calviño, arqueólogo no Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia e especialista no téxtil; Raquel Casal García, profesora titular de Historia e Arqueoloxía da USC; Rocío Sánchez Ameijeiras, profesora titular de Historia da Arte Medieval da USC; Pegerto Saavedra Fernández, catedrático da USC e profesor de Historia Moderna; Elvira Lindoso Tato, profesora titular de Historia Económica de Galicia na Universidade da Coruña; Belén Sáez Chas, conservadora do Museo do Pobo Galego; e Juan M. Monterroso Montero, J. M. López Vázquez e E. Castiñeiras, profesores titulares de Historia da Arte na USC.