Tuesday 29 de April de 2025

Rotundo éxito do II Día do Deporte de Bergondo


· Familias e xente de todas as idades gozan dunha ampla variedade de actividades deportivas durante toda a xornada.

O II Día Deporte está a desenvolverse con gran éxito no Albergue e na Praia de Gandarío. Ao longo desta xornada chea de enerxía e participación, decenas de veciños e veciñas de todas as idades están a gozar dunha ampla variedade de actividades deportivas, fomentando un estilo de vida activo e saudable nun ambiente de convivencia e diversión.

A mañá comezou con moito entusiasmo, e os espazos habilitados enchéronse de nenos, novos e familias que recolleron a súa pulseira para participar nas diferentes propostas do evento. Ata o momento, actividades como a escalada, o tiro con arco, os kaiaks, os xogos populares ou deportes alternativos como o goalball ou o kin-ball están a ter unha notable participación. A entrega de selos por cada actividade realizada está a motivar aos asistentes, que se esforzan por completar o percorrido e obter o seu merecido premio.

Entre as exhibicións deportivas xa celebradas destacan as de ciclismo, salvamento e socorrismo, baloncesto e taekwondo, que ofreceron momentos espectaculares moi aplaudidos polo público. Actualmente, as instalacións seguen acollendo as exhibicións de fútbol sala, ximnasia rítmica, xadrez e atletismo, mantendo o ritmo e a emoción durante toda a xornada.

Desde as 14:00 horas tivo lugar unha degustación para aquelas persoas que recolleron a súa ticket na Casa da Cultura, un momento ideal para repoñer forzas antes de continuar coas actividades da tarde.

O Concello de Bergondo agradece a colaboración das entidades deportivas e da Xunta de Galicia, así como a implicación das familias e do voluntariado que están a facer posible unha xornada tan especial. Lembramos que o día finalizará ás 18:00 horas cun gran sorteo de agasallos, polo que animamos a todos e todas a quedar e seguir gozando deste día inesquecible.

Deja un comentario