
A xornada culminou a cuarta edición do programa educativo impulsado polo Concello da Coruña, con gran éxito de participación e acollida cidadá
A Feira Imaxina Coruña 2025 congregou este sábado a centos de persoas na Domus, nunha xornada de portas abertas que puxo en valor o talento, a imaxinación e o compromiso medioambiental da mocidade coruñesa. O evento, organizado polo Concello da Coruña a través dos Museos Científicos Coruñeses e a empresa Ceo Aberto, serviu como colofón á cuarta edición deste programa educativo de referencia.
Ao longo da mañá, a cidadanía puido coñecer de primeira man os 14 proxectos finalistas desenvoltos por 56 estudantes de oito centros educativos da cidade, todos eles baixo o lema ‘Auga limpa, futuro sostible’. A proposta espertou un grande interese entre as familias, a comunidade educativa e o público xeral, que completaron a capacidade das distintas actividades programadas.
A feira contou tamén coa entrega de premios aos equipos gañadores, que foron recoñecidos cunha viaxe á feira científica Zientzia Azoka, en Bilbao, ademais dun cheque de 500 euros para cada centro, destinado á adquisición de material científico e tecnolóxico. Os IES Isaac Díaz Pardo, IES Puga Ramón e IES Rafael Dieste foron tres dos centros educativos gañadores desta edición. Completou a xornada un espectáculo científico de divulgación titulado ‘Explorando o cerebro’, a cargo de David Ballesteros, que obtivo unha excelente acollida.
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, salientou que “a extraordinaria participación rexistrada nesta edición demostra que A Coruña é unha cidade comprometida coa ciencia, a sustentabilidade e a educación pública de calidade. Esta feira é un exemplo do modelo polo que aposta o Goberno que lidera Inés Rey: un modelo que pon no centro o pensamento crítico, a igualdade de oportunidades e o recoñecemento do labor docente”.
A través da Feira Imaxina, o Concello da Coruña continúa a consolidar unha política educativa transformadora, cunha programación innovadora e participativa que ofrece espazos de aprendizaxe creativa e con impacto social.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.