Tuesday 29 de April de 2025

A Xunta achega 81.000 euros para a compra dun punto limpo móbil compartido para os concellos de Lousame e Rois


Villaverde destacou que “seguiremos traballando na concienciación veciñal para unha correcta separación dos residuos” e apelou tamén á responsabilidade de cada persoa á hora de coidar o medio ambiente

Lousame e Rois iniciarán a licitación do equipamento para que o servizo poida comezar a prestarse o antes posible, co obxectivo de minorar nun 5% a cantidade de lixo que se deposita sen seleccionar no primeiro ano

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría Moreno, visitaron esta mañá Lousame onde foron recibidas pola alcaldesa lousamiá, Teresa Villaverde, e o alcalde de Rois, Ramón Tojo. A conselleira explicou que Lousame e Rois presentaron unha solicitude conxunta á Xunta de Galicia para adquirir un punto limpo móbil que garanta o acceso a este servizo aos 7.500 habitantes que suman ambos municipios.

A través dunha achega de 81.000 euros da Xunta, subvencionarase a compra dun camión 100% eléctrico con caixa basculante, cunha grúa de 1.500 kg e capacidade para acoller 8 contedores adaptados. Os Concellos de Lousame e Rois achegarán o 10% restante e o IVE total da actuación, o que suma 27.900 euros.

Teresa Villaverde agradeceu a colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático xa que “somos dous concellos que non temos punto limpo. Xa tivemos outras subvencións en conxunto e sempre funcionou moi ben e así vai ser esta vez”. Ademais de sinalar que “imos poñelo nos puntos que están máis alonxados da recollida de residuos”, confirmou que “seguiremos co traballo de concienciación para a separación dos residuos. Levamos tempo traballando cos veciños e dando a oportunidade de chamar ao Concello para recoller certos residuos que non se poden deixar nos contedores e llos recollemos nós a domicilio”.

Porén, Villaverde recoñeceu que aínda hai moitas persoas que non fan esta reparación, aos que lembrou que “está prohibido deixalos ao lado dos contedores, no monte ou en calquera sitio. Se non corriximos iso as consecuencias non van ser abordables nin ambiental nin economicamente para os veciños nin para os Concellos”. Villaverde Pais insistiu en que “pretendemos facer un concello o máis sostible posible e que fomente a reciclaxe. E iso so se pode facer separando ben os residuos, pero hai un descoñecemento e falta de vontade. Non se pode deixar tiradas as cousas unha semana antes de que pase o camión e se o imos a recoller a domicilio”.

Un punto no que coincidiu o alcalde de Rois quen, tras agradecer o apoio da Xunta, indicou que “ás veces nos atopamos con anuncios do Seprona de que no monte hai cousas tiradas e hai que recollelo. E hai un traballo moi arduo detrás”. Así mesmo, Ramón Tojo apuntou que coa adquisición deste punto limpo móbil, os Concellos están facendo a súa parte: “hai que facilitar ter un rural tan bonito e preservalo. E para iso os Concellos temos que poñer medios públicos como estamos facendo”.

Obxectivos do proxecto

Unha vez conseguida a achega da Xunta, os Concellos procederán a licitar a adquisición do punto limpo móbil, para o cal aplicaranse criterios de compra pública verde ou ecolóxica nos expedientes de contratación. Unha vez contratado, procederase á posta en servizo do punto limpo móbil, que consistirá nun módulo debidamente compartimentado para albergar os oito contedores de recollida selectiva. O vehículo consistirá nun camión con caixa e grúa que realizará as labores de transporte e reposicionamento do punto limpo, ademais de labores complementarias como a recollida de residuos voluminosos baixo demanda. Para iso, os dous concellos establecerán un calendario rotativo semanal para achegar o punto limpo móbil ás diferentes parroquias, de xeito que se facilite o depósito de residuos a toda a veciñanza.

Os residuos que serán recollidos no punto limpo móbil son: Papel e cartón, envases plásticos e mesturados, vidro, restos metálicos do fogar, baterías e acumuladores, residuos voluminosos e restos de poda. Con esta recollida, preténdese reducir o número de emisións de CO2 a atmosfera, que no primeiro ano acadará unha minoración de 7.763 teqCO2/ano. O punto limpo dará servizo a unha poboación de 7.494 persoas, 3.099 de Lousame e 4.395 de Rois.

Finalmente, coa implantación do punto limpo móbil os Concellos de Lousame e de Rois agardan que se produza unha mellora no fraccionamento destes residuos, de xeito que a cantidade anual que se deposita sen seleccionar se minore en cando menos un 5% no primeiro ano (18,79 toneladas/ano) e que esta cantidade se incremente de forma progresiva ata chegar ao 15% en tres anos (56,38 toneladas/ano).

2,6 millóns en axudas

A Xunta de Galicia concedeu este ano axudas por un importe global de 2,6 millóns de euros co fin de financiar a mellora ou a adquisición de puntos limpos municipais (fixos, móbiles e de proximidade) así como para apoiar outro tipo de proxectos relacionados con instalacións de preparación para a reutilización. En total, as 84 subvencións concedidas permitirán ofrecer estes servizos a unha poboación estimada de 1,5 millóns de galegos e galegas.

Durante a súa visita ao concello de Lousame, un dos 63 que resultou beneficiario este ano, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou o éxito da convocatoria, dirixida a apoiar iniciativas a nivel local para garantir unha correcta xestión daquelas fraccións especiais que quedan fóra da recollida domiciliaria ordinaria e que esgotou o orzamento inicialmente dispoñible.

De feito, a responsable autonómica explicou que unha vintena de concellos permanecen en lista de agarda e avanzou que o seu departamento tramita xa unha ampliación de crédito por importe de 800.000 euros co fin de poder atender todas as solicitudes recibidas e que cumprían cos requisitos fixados na convocatoria. Con estas achegas, que prevén catro liñas de actuación, cubrirase ata o 90% dos custos de adquisición de 89 puntos limpos de proximidade (instalacións de menor tamaño pero coa mesma función) e de 10 puntos móbiles que prestarán o servizo de forma itinerante.

Ademais, este ano tamén se subvencionarán obras de mellora ou de ampliación en puntos limpos fixos xa existentes e con cargo á cuarta liña subvencionable, para construír e mellorar instalacións municipais de preparación para a reutilización e para a autorreparación de residuos domésticos.

Cómpre lembrar que os puntos limpos, nas súas diferentes modalidades e tipoloxías, cumpren unha función esencial a nivel municipal xa que garanten un lugar no que poder depositar fluxos de refugallos de moi diversa tipoloxía (aparellos eléctricos e electrónicos, pilas e baterías, mobles e enseres domésticos, restos de podas, vidro, madeira, etc) e que non contan con contedores específicos para a súa recollida.

En toda a provincia da Coruña concedéronse axudas por un importe global de 957.746,42 euros para financiar a mellora e compra de puntos limpos e instalacións de PxR, a segunda maior contía, tan só por detrás da de Pontevedra.

Case 11 M€ en axudas para a xestión dos residuos municipais

Para avanzar nos obxectivos europeos en materia de residuos e na implantación da economía circular a nivel local, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicou a finais de 2024 outra liña de incentivos para apoiar, neste caso, catro tipos de actuacións: implantar, ampliar ou mellorar a recollida selectiva dos chamados biorresiduos domésticos e fomentar a súa reciclaxe en orixe mediante proxectos de compostaxe doméstica ou comunitaria (liñas 1 e 2) así como a garantir a recollida separada de aceites de cociña (liña 3) e dos residuos téxtiles (liña 4).

Cos 8,1 millóns de euros concedidos a través desta orde, sufragarase a adquisición de 18 camións adaptados para recoller e trasladar biorresiduos, de 2.459 contedores para o depósito específico da fracción orgánica dos residuos municipais e de 18.572 composteiros domésticos, entre outros.

En total, os 10,7 millóns de euros concedidos este ano ás entidades locais para optimizar a xestión dos seus residuos (cofinanciados con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia) permitirán atender 279 solicitudes municipais en toda Galicia, sendo a provincia de Pontevedra a máis beneficiada, con case a metade das achegas (4,95 millóns de euros), seguida da Coruña (3,3 millóns de euros), Lugo (1,21 millóns de euros) e Ourense (1,20 millóns de euros).

Deja un comentario