Entre os operadores participantes neste famtrip están o director adxunto da Asociación Xaponesa de Axentes de Viaxes (JATA) e o director xeral de JTB, a maiorista máis importante de Xapón
Un grupo de sete representantes dos operadores turísticos máis importantes de Xapón visitaron estes días o territorio galego co fin de coñecer de primeira man o destino turístico Galicia para logo programar viaxes organizadas á nosa Comunidade.
Nunha viaxe organizada por Turismo de Galicia, en colaboración con Turespaña e a compañía British Airways, este grupo de operadores xaponeses tamén mantivo unha xuntanza cos membros da Asociación de Turoperadores e Receptivos de Galicia, ATREGA, na que se abriron distintas vías de colaboracións para a organización de viaxes desde Xapón con destino Galicia.
Na súa estadía, que se desenvolveu a finais desta semana, os axentes de viaxes de Xapón tiveron a oportunidade de coñecer a ampla oferta turística que ofrece a nosa comunidade.
Entre os sete representantes destes operadores turísticos de Xapón, cabe salientar a presenza en Galicia do presidente adxunto da Asociación Xaponesa de Axentes de Viaxes, JATA, Jungo Kikuma, e o director xeral da primeira maiorista de viaxes nipona, JTB, Hironosuke Suzuki.
Demanda turística xaponesa
Polo que respecta á demanda turística xaponesa, no mes xaneiro do ano 2016 a ocupación hoteleira superou nun 45% a cifra de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros da Comunidade galega e nun 14% o volume de pernoitas do mesmo período do pasado ano.
Por outra parte, con máis de 16.000 viaxeiros aloxados e preto de 22.000 pernoitas hoteleiras o mercado xaponés consolidouse en 2015 como o primeiro asiático dentro de Galicia.
En 2015 o mercado xaponés presentou un comportamento positivo superando nun 19,6% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 3,5% o volume de pernoitas do anterior ano 2014