Sunday 27 de April de 2025

As andainas guiadas ‘A Coruña das Letras’ regresan para dar a coñecer a cidade máis descoñecida


Esta iniciativa, que conta con Xurxo Souto como guía, dedicará as súas tres novas sesións á música e ás cantareiras

O Concello da Coruña organiza unha nova edición de ‘A Coruña das Letras’, que nesta ocasión levará o nome de ‘A Coruña das Letras (e das músicas)’, xa que dedicará as súas tres novas sesións á música e ás cantareiras, ás que se lles dedica este ano o Día das Letras Galegas. Trátase dun programa de andainas guiadas polo músico e escritor Xurxo Souto para coñecer a historia dos barrios da cidade. “Con esta iniciativa o Goberno de Inés Rey ten como obxectivo poñer en valor a identidade de barrio, dando a coñecer dun xeito divulgativo a idiosincrasia e cultura da Coruña”, apunta o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

O programa ten como obxectivo, ademais, o fomento da lingua, a cultura e a literatura galega na cidade. Nas tres datas desta primavera as persoas participantes aprenderán máis da toponimia tradicional da cidade, dos lugares máis descoñecidos ou invisibles da Coruña relacionados coas cantareiras ás que se lles dedica este ano o Día das Letras Galegas.

A primeira das andainas terá lugar o sábado 3 de maio ás 11.30 horas e levará por nome ‘A andaina das cantareiras: Rosa Casás, Eva Castiñeira e outras músicas da Coruña’. A inscrición para esta primeira sesión arrincará o próximo luns, 28 de abril. Nesta andaina, entre outras informacións, farase referencia á zona na que residiu a homenaxeada Eva Castiñeira, camiñaremos polo lugar onde a familia de Rosa Casás tivo un negocio ou onde se orixinaron os grupos Luar na Lubre e Os Papaqueixos.
A segunda sesión será o sábado 7 de xuño, ás 11.30 horas, e a súa inscrición abrirase o luns 26 de maio. Leva por nome ‘As rúas que soan: da Pescaría ao Campo da Leña. Ópera ambulante’ e as persoas participantes camiñarán por zonas relacionadas co Circo de Artesáns, Alan Lomax, Cántigas da Terra ou o primeiro disco en galego.

Por último, a derradeira sesión realizarase o sábado 14 de xuño, ás 11.30 horas, e a súa inscrición abrirase o luns 9 de xuño. Levará por nome ‘Historias ocultas da música popular: tras das pegadas de Manuel Cajaraville e as Pandeireteiras de Mens’. Nesta andaina, entre outras informacións, as persoas participantes camiñarán pola zona onde se apañaron moitas das melodías das foliadas, onde se orixinaron Os Diplomáticos, os cantos de Entroido etc.

En total, para cada unha das andainas, o Concello oferta 55 prazas que se teñen que solicitar a través do correo inscricionslingua@coruna.gal, indicando nome e apelidos e un teléfono de contacto. Sempre se pode enviar a solicitude desde o luns anterior a cada unha das andainas ata completar a capacidade. O lugar de saída para comezar a ruta comunicarase no correo de confirmación da inscrición. Toda a información pode consultarse na web www.coruna.gal/lingua. A duración de cada sesión é de aproximadamente hora e media e a actividade está dirixida a maiores de 16 anos.

Deja un comentario