
A corporación municipal aprobará no pleno do luns o proxecto de reforma da Praza de Vigo e unha solicitude de subvención á Deputación para a obra
O goberno municipal presentará no pleno ordinario de abril unha proposta de suplemento de crédito por importe de 1,6 millóns de euros para financiar a execución de obras e, principalmente, a compra de terreos.
Por unha banda, como explicaron hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Contratación, Ramón Varela, por unha parte o suplemento permitirá completar partidas de obras que xa figuraban no orzamento do 2024 pero que non puideron rematarse por diversos motivos, como a vía do polígono de Bértoa á avenida dos Abetos ou a do Moucho á Piña.
Pero o groso corresponde á adquisición de terreos necesarios para acometer proxectos como o Parque do Megalitismo, o aparcadoiro previsto no plan especial de Arnados-Razo, a nova zona verde prevista nas ribeiras do Rego da Balsa ou diversas infraestruturas urbanas e rurais, como a rúa Emilio González López ou varios camiños forestais.
Outra das propostas que presentará o goberno municipal na sesión ordinaria é a aprobación do proxecto de reforma da Praza da Vigo e a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para executar as obras. O obxectivo da actuación é adaptar o espazo ás necesidades das súas principais usuarias, que son as persoas que residen nos edificios da contorna, entre elas as que residen no centro de maiores ou as que acoden a diario ao centro de día. Con esa finalidade está prevista a eliminación de barreiras arquitectónicas, a creación de máis zonas de sombra, a instalación de máis mobiliario e a reordenación do tráfico e os aparcamentos. O orzamento acada os 337.500,00 €, dos cales a Deputación achegaría o 80% e o Concello, o 20%.
A corporación municipal tamén estudará dúas solicitudes de bonificación de ICIO, IBI e IAE por parte de dúas empresas do polígono de Bértoa e a ordenanza reguladora de aspectos relativos á xestión dos residuos sólidos urbanos, cuxo borrador xa superou a fase de exposición pública, polo que pode ser aprobada de xeito inicial.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.