Saturday 26 de April de 2025

Máis de vinte grupos participarán o domingo no XXV Concurso de Música Tradicional de Xiradela


· O auditorio do CCC Arteixo acolle o vindeiro domingo, 27 de abril, a partir das 10:30 horas, as persoas participantes e ao público que poderá seguir de balde as actuacións ata completar o espazo

· Repartiranse 2.400 euros en premios sumando as catro categorías a concurso

· A artista Alba Pose foi a autora do cartel desta edición 25.ª

Un total de 23 grupos tomarán parte no XXV Concurso de Música Tradicional de Xiradela. A cita terá lugar o vindeiro domingo 27 de abril de 2025, en horario de mañá, no auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo. Participan agrupacións chegadas de diferentes puntos de Galicia como Coirós, Corcubión, Boimorto, Oleiros, A Coruña, Carballo, Ribadeo, Trazo, Malpica ou Ponteareas, entre doutros. As categorías con máis inscritos son a B (de 9-13 anos) con 9 grupos, e máis a C (13-17 anos) con 5 grupos.

O concurso comezará ás 10:30 horas e estenderase ao longo da mañá. O acceso ao Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo é de balde ata completar o espazo para o público que desexe gozar da actuación. A rotación de público é alta, por ese motivo, en anos previos o público que acudiu á cita ao longo do día aproximouse ás 1.000 persoas.

Na contorna do Auditorio vívese un grande ambiente todos os anos co gallo da celebración deste concurso, xa que as persoas participantes adoitan afinar voces, dar os últimos toques ao seu vestiario e o son das ferreñas empeza a facerse notar na contorna do paseo fluvial no centro de Arteixo.

Participantes por categorías e premios

Como en anos anteriores, a 25.ª edición do Concurso de Música Tradicional da A.X. Xiradela conta con catro categorías que se dividen en función das idades das persoas integrantes do grupo. Para cada unha desas categorías hai premios en metálico para primeiro, segundo e terceiro clasificado, ademais dun trofeo para o colectivo con mellor vestiario. Alcánzase no global a cantidade de 2.400€ en premios. Os grupos participantes poden ser: femininos, masculinos ou mixtos, e será obrigatorio o uso do traxe tradicional.

As categorías a concurso son:

CATEGORÍA A: ata os 9 anos. Participan 3 grupos.
CATEGORÍA B: dos 9 aos 13 anos. Participan 9 grupos.
CATEGORÍA C: dos 13 aos 17 anos. Participan 5 grupos.
CATEGORÍA D: dos 17 anos en diante. Participan 6 grupos

Os premios serán os seguintes en cada unha das categorías:

1º premio: trofeo e 300 €
2º premio: trofeo e 200 €
3º premio: trofeo e 100 €
Premio ao mellor vestiario en cada categoría: trofeo

Listado de grupos participantes:

CATEGORIA A

Avelaiñas Asociación Veciñal de San Miguel de Vilela
Pícaros Escola de Música e Baile Tradicional de Coirós
Paroleiras A.C. Xacarandaina

CATEGORIA B

Franzomel Grupo de Baile e Gaitas Santaia de Santa Cruz
Vimianciñas Escola de Música e Baile Tradicional Vimianzo
Petís do Castromao Grupo folclórico CEAR Castromao
Fumegueiras Caldelás Escola de Música Tradicional de Castro Caldelas
Repoludas Escola de Música e Baile Tradicional de Coirós
Xoaniñas A.C. Xacarandaina
Lareteiras A.F. Santiaguiños de Boimorto
Ruliñ@s Amigos da Gaita de Ribadeo
Os Castros Asociación cultural “Os Xeitosos de Trazo”

CATEGORIA C

As Xaviñanas Universidade Popular de Corcubión
Silandeiras Escola de Música e Baile Tradicional de Coirós
Tarabeleiras Amigos da Gaita
Cabaleiras do Camiño A.R.C.R. Pedras Miúdas
Pingas de Son A.C. Xacarandaina

CATEGORIA D

Guriñas do Castromao Cear Castromao de Mondariz
Meigallo A.C.D. Carcaxía
Barulleiras Os Santiaguiños de Boimorto
Airexa Casa Cultural Artística e Deportiva de Areas
Os Batáns Asociación cultural “Os Xeitosos de Trazo”
Seixebra Grupo de Baile e Gaitas Santaia de Santa Cruz

Cada grupo terá un tempo límite de 5 minutos para interpretar a/as peza/s coas que tomará parte no certame. O grupo que exceda o dito prazo quedará descualificado.

No momento da cualificación o xurado terá en conta:

A autenticidade da peza, que terá que ser tradicional.
A súa dificultade.
A afinación.
A interpretación.

O xurado será nomeado pola A.X. Xiradela e os seus fallos e acordos serán inapelables.

Nesta convocatoria non participarán os grupos da A.X. Xiradela, anfitrioa e organizadora desta cita na que colabora o Concello de Arteixo.

A autora do cartel deste ano foi a artista Alba Pose

No seu 25 aniversario o Concurso de Música Tradicional de pandeireteiras/os da Asociación Xuvenil Xiradela conta cun cartel deseñado pola artista multidisciplinar Alba Pose (A Coruña, 2000).

Na peza Alba Pose emprega o bordado buscando aportar colorido, “coido que é algo que me representa na miña obra”, explica a artista. Conta que quixo “tirar do fío do tradicional sen entrar nunha iconografía do traxe galego ou algo máis clásico. A imaxe de base é unha fotografía doméstica dunha pandeireteira en branco e negro sacada do contexto do tradicional e incluíndo esa participación do bordado para engadir cor e textura doutros xeitos”, relata a autora. A fotografía orixinal é de Pablo Quintana que retrataba a tocadora Eva Castiñeira.

QUEN É XIRADELA

A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no concello de Arteixo, nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo de lecer, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que lle permiten, por un lado difundir o seu traballo, e por outro, axudan a promover a socialización da rapazada con xente doutras asociacións.

Comezou impartindo a actividade de baile tradicional, e despois ampliou ás actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión.

A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cantigas, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos devanceiros, a súa recuperación e divulgación, pretendendo ser o máis fieis posibles coa máis pura tradición galega.

Ademais do concurso de música, dende o ano 1987 e de xeito continuo vén celebrando o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de xuño. Trátase dunha exhibición na rúa de bailadores e bailadoras da peza máis emblemática do noso folclore.

No caso do Concurso de Música Tradicional é un acontecemento que nacía no ano 2000 coa intención de promover a participación das escolas de música tradicional para que a mocidade puidese ter máis actuacións e relacionarse entre si, e facilitar deste xeito o coñecemento da nosa cultura. Esta edición e xa a 25.ª

Deja un comentario